Feijóo, crítico con Álvarez de Toledo por perder "os papeis" no Congreso

"Xa abonda deste tipo de espectáculos parlamentarios que, en pleno ou en comisión, estamos a ver no Congreso", esixiu o presidente galego
Cayetana Álvarez de Toledo. EFE
photo_camera Cayetana Álvarez de Toledo. EFE

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, desmarcouse da liña dura do Partido Popular marcada por Cayetana Álvarez de Toledo, portavoz parlamentaria do PP, tras a polémica suscitada ao chamar "terrorista" ao pai do vicepresidente Pablo Iglesias. Feijóo considera que sería "un grave erro" que a oposición caese "nas provocacións" do Goberno.

O líder do PP defendeu que deben cesar este tipo de "espectáculos" na Cámara baixa. "Xa abonda deste tipo de espectáculos parlamentarios que, en pleno ou en comisión, estamos a ver no Congreso", esixiu.

"Os gobernos o que deben facer é gobernar e tratar de aproximar posturas coa oposición", advertiu Feijóo, convencido de que un Goberno "non pode buscar enfrontamentos" cos seus rivais políticos, como, ao seu modo de ver, si está a facer o Executivo estatal.

"Eu creo que ningún compañeiro do meu partido ou doutros partidos da oposición debe entrar ao señuelo do Goberno para crispar, provocar e perder os papeis", trasladou. "Aínda que só sexa polo respecto aos 30.000 falecidos e polos millóns de cidadáns que están a perder o seu emprego, neste contexto máis que nunca cometeriamos un grave erro se contestamos as provocacións dun Goberno que perdeu os papeis e se a oposición tamén perde os papeis", resolveu.

FAES. No seo do PP, no entanto, é un feito a división sobre o ton de Álvarez de Toledo e as súas intervencións. Quen si defendeu a Álvarez de Toledo foi a Fundación para a Análise e os Estudos Sociais (Faes), que preside José María Aznar. Tras tachar ao líder de Podemos de político "chulesco" e "populista agresivo", denuncia que "eloxie aos golpistas cataláns como demócratas" mentres acusa ao PP de promover "a insubordinación da Garda Civil" e invéntase unha teoría conspiratoria contra a dereita".

Álvarez de Toledo, visiblemente molesta o pasado mércores no Congreso por que Iglesias se referise a ela como "señora marquesa" polo título nobiliario que ostenta, finalizou o debate espetando ao vicepresidente do Goberno: "Vostede é o fillo dun terrorista. A esa aristocracia pertence vostede, á do crime político".

Comentarios