Feijóo descúlpase por explicar mal o bono de 250 euros destinado aos sanitarios

"Houbo unha explicación pésima e moi desacertada por todos, empezando por min", afirma o presidente 
Alberto Núñez Feijóo. EFE
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. EFE

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, desculpouse este xoves pola "explicación pésima" que, admitiu, se deu do bono de 250 euros para restaurantes e hoteis destinado a sanitarios e outros profesionais que combateron o coronavirus, e que suscitou rexeitamento en gran parte dos colectivos implicados. 

Ao termo do Consello da Xunta, o presidente relacionou a polémica suscitada cunha "explicación" pésima deste bono que, matizou, "nada tiña que ver cun programa sanitario, senón turístico". "Unha explicación moi desacertada por todos, empezando por min", recoñeceu o xefe do Executivo autonómico. 

Así, indicou que foi o sector turístico, a través do clúster, o que trasladou que este tipo de iniciativas -mediante bonos- estaba a levarse a cabo noutras comunidades e países co incentivar o turismo interno. 

Pero unha mala explicación, baixo o seu punto de vista, "impediu" que se entendese "o contido e alcance" deste bono que "non é sanitario" senón "turístico".

ESTABILIDADE E INCENTIVOS. Dito isto, admitiu que "hai que darlle unha volta ao impacto asistencial e sociosanitario" do covid na comunidade, e indicou que a Xunta, a través dos departamentos de Sanidade e Facenda, están analizado que proposta "de estabilidade e incentivos" poden expor para os profesionais que combateron a pandemia. 

Cando se concrete canto recibe Galicia dos 16.000 millóns de euros comprometidos polo Goberno central para compensar os gastos das comunidades, asegurou que se exporá "unha proposta" que se negociará no foro que corresponde: as mesas sectoriais de Sanidade e Función Pública, segundo os profesionais implicados.

INTERINIDADE. Precisamente, sobre as queixas pola interinidade do persoal, asegurou que el sempre é partidario de que se saquen as prazas a concurso oposición". 

"Somos das comunidades con menor inestabilidade no emprego público e menos interinos. Nós queriamos celebrar os exames da OPE de educación, a maior parte das centrais sindicais non querían e tomamos a decisión de non celebrar os exames", esgrimiu. 

"E queremos que o Goberno nos autorice a OPE de sanidade sen ningún tipo de taxa de reposición, imos ver se o conseguimos e sacaremos 3.000 vacantes. Estou a favor de que a xente que leva meses ou anos na Administración pública teña un exame para concurso oposición no prazo máis breve posible. Se as normas e a lexislación básica do Estado permíteno, así será", resolveu. 

Comentarios