Feijóo envía a Sánchez a súa proposta para modificar a Lei de Saúde Pública

A Xunta quere apuntalar a "seguridade xurídica" da xestión do coronavirus para que non haxa fallos como o de Madrid
El presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo durante la rueda de prensa que ofreció este jueves tras la reunión del consello en San Caetano. LAVANDEIRA JR. (EFE)
photo_camera El presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo durante la rueda de prensa que ofreció este jueves tras la reunión del consello en San Caetano. LAVANDEIRA JR. (EFE)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, remitiu ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a súa proposta para reformar a Lei Orgánica de Saúde para apuntalar a "seguridade xurídica" da xestión da pandemia e evitar fallos como o coñecido este xoves do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid.

"É absolutamente imprescindible modificar a Lei Orgánica de Saúde Pública para poder xestionar con eficacia por parte das comunidades autónomas a pandemia", manifestou Feijóo na rolda de prensa posterior á reunión do Consello.

O xefe do Executivo galego sostivo que se trata dunha proposta "construtiva, leal e feita por expertos" de Galicia, que "bebe nas fontes do Tribunal Constitucional" e inclúe un catálogo de medidas para que os presidentes autonómicos poidan "actuar con seguridade" e sen que se produzan situacións como a que se está vivindo este xoves a Comunidade de Madrid.

Precisamente, preguntado sobre a decisión do TSJM de rexeitar o peche de Madrid e sobre se unha decisión destas características pode afectar as medidas adoptadas en Ourense, sinalou que o propio fallo do tribunal madrileño avisa de que non hai unha lexislación "adecuada e suficiente" para garantir que as medidas que adopten as autoridades de saúde pública poidan ser validadas polos tribunais.

"Hai un baleiro legal, unha ausencia de regulación con rango de lei orgánica para que as comunidades autónomas podamos xestionar a pandemia, e o TSJM lembra que a lexislación actual española carece de contido e de precisión para poder autorizar esas restricións de dereitos sen que se active o Estado de Alarma", indicou.

Ademais, en relación ás restricións adoptadas pola Xunta en Ourense, asegurou que son "iguais ou similares" ás activadas en xullo na Mariña. "Entendemos que se as primeiras debían ser autorizadas, entendemos que tamén as segundas", subliñou para afirmar que "xa é suficiente a inseguridade do virus como para engadir unha inseguridade xurídica simplemente pola negativa a lexislar cando é imprescindible".

Comentarios