O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este martes que nas próximas semanas aprobarase unha ampliación do bono coidado para que poida ser utilizado en ludotecas e noutros espazos infantís.
Segundo dixo tras visitar a escola infantil da rede A Galiña Azul da Estrada, durante 2018 foron 400 familias as que se beneficiaron desta medida e está previsto que en 2019 o orzamento "multiplique por cinco" a partida para esta axuda.
Núñez Feijóo abundou no compromiso da Xunta coas políticas de conciliación e a favor da natalidade en Galicia, xa que o declive demográfico é "o primeiro problema estrutural" de Galicia.
FOLGA DOS PACS. O presidente galego repasou outros temas de actualidade. Sobre a folga anunciada na PAC, defendeu estar "a falar con todo o mundo" co obxectivo de mellorar "a atención primaria" da sanidade pública galega.
"Proba disto é que hoxe empezan as reunións, hai seis grupos de traballo con todos os profesionais que traballan na atención primaria", expuxo.
O titular do Goberno galego apuntou que "evidentemente os médicos son os profesionais máis importantes" pero engadiu que "está o persoal de enfermería comunitaria e están todos os demais profesionais, farmacéuticos, fisoterapeutas, educadores, saúde pública...". "En definitiva, con todos estamos a falar", incidiu.
VIOLENCIA MACHISTA. O líder do PPdeG tamén rexeitou que haxa que "derrogar ou deixar de aplicar" políticas contra a violencia machista e animou a "mellorar" e "perfeccionar" as existentes e a actuar "con contundencia".
Na súa visita á Estrada, e sen citar expresamente a postura de Vox sobre esta cuestión, dixo que "a violencia machista existe e, polo tanto, as cousas que existen non se poden obviar, senón que hai que loitar contra elas".