Feijóo expón contratos de 1 a 3 anos a médicos familia e pediatras tras o MIR

É a proposta da Xunta tras as protestas xeneralizadas de pacientes, sindicatos, partidos e profesionais dos últimos meses

Feijóo, no Parlamento. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Feijóo, no Parlamento. PEPE FERRÍN (AGN)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este mércores a proposta de ofrecer contratos de entre un e tres anos aos médicos de familia e pediatras formados en Galicia unha vez acaben o período de residencia (MIR).

Núñez Feijóo dixo na sesión de control do Parlamento galego a preguntas de BNG e En Marea que esta é unha das propostas nas que traballa a Xunta para mellorar a situación da sanidade, sobre todo en atención primaria, tras as protestas xeneralizadas de pacientes, sindicatos, partidos e profesionais dos últimos meses.

Entre outras medidas, tamén destacou que a Xunta creará a figura do responsable, director de Atención Primaria en todas as xerencias hospitalarias.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, centrou a primeira parte da súa intervención na lectura de distintos testemuños de profesionais médicos que cuestionan a política sanitaria da Xunta, con denuncias de recortes e precarización do seu traballo, e cualificou a Núñez Feijóo de ser "un perigo" para a sanidade pública.

Luís Villares, portavoz de En Marea, cuestionou ao presidente galego sobre unha transferencia interna no pasado mes de novembro pola que se cambiaron uns dous millóns de euros de distintas partidas para adxudicalos " sanidade privada".

Núñez Feijóo aludiu a razóns de execución orzamentaria esta acción e reprochou a Villares que unha parte dese diñeiro correspondía á construción e reforma dun centro de saúde e un punto de atención continuada en Cangas (Pontevedra), onde gobernan "as mareas", e que non ofrecen os terreos necesarios.

Na súa opinión, ademais, con esta pregunta o portavoz de En Marea confirma que "toca de oído" na Sanidade e descoñece como se xestiona un orzamento de case 4.000 millóns de euros nesta área.

Comentarios