Feijóo, ante os populares: "Faga o que faga será o que queredes que faga"

Os presidentes provinciais do PPdeG pídenlle, coa data electoral no aire, que repita e el traslada que "non hai necesidade de urxencias nin de nerviosismos"

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, evitou este sábado desvelar se concorrerá unha vez máis como candidato ás eleccións autonómicas que se celebrarán este ano. Só dixo aos dirixentes do seu partido: "Faga o que faga será o que queredes que faga".

Os máximos dirixentes do PPdeG pedíronlle que se presente de novo aos comicios nun acto celebrado en Santiago de Compostela de entrega de carnés do partido a novos militantes. "Agradezo moito a paciencia que tedes comigo", dixo o líder de PPdeG ante o seu hermetismo á hora de comunicar a decisión sobre o seu futuro ata que finalice o primeiro trimestre do ano e engadiu que se sente "moi libre" de decidir.

O acto arrincou coa intervención dos catro presidentes provinciais do PPdeG —Diego Calvo, Elena Candia, Manuel Baltar e Alfonso Rueda— que se comprometeron a traballar para conseguir unha nova maioría absoluta nas eleccións autonómicas e coincidiron en pedir a Feijóo presentarse a candidato á presidencia da Xunta.

O líder popular asegurou, pola súa banda, que para el non hai ningunha "honra" maior que "servir a un pobo que libremente confía en nós". "Cada un ten que facer o que ten que facer, e debe facer o que debe facer" polo que, ao seu xuízo, non debe existir "ningunha limitación para que cada un cumpra co seu deber", dixo.

Feijóo afasta a posibilidade dunha coalición con Cs pero asegura que o PP ten as "portas abertas" para o que queira sumarse " fórmula gañadora"

Ante máis dun centenar de militantes e dos principais dirixentes populares, Feijóo prometeu que "haberá, sen dúbida, máis oportunidades para seguir insistindo no compromiso" do PPdeG con Galicia. "Seguirémonos vendo. Non hai necesidade de urxencias nin de nerviosismos", dixo, coa opción da súa candidatura e a data electoral no aire. Nela, por certo, podería ser determinante un adianto en Euskadi.

Na súa intervención nun acto do seu partido nun hotel da capital galega, o máximo dirixente do PPdeG explicou que a formación mantén como valores para os próximos comicios o "entendemento, moderación, tolerancia, coherencia e estabilidade" fronte aos partidos que "queren fracturar a sociedade", sinalou.

Despois de que Inés Arrimadas insistise na súa proposta de candidatura unitaria co PP nas tres comunidades onde está previsto que haxa eleccións nos próximos meses, Feijóo invitou a Ciudadanos ao diálogo para posibles pactos poselectorales. Afastou a posibilidade dunha coalición con Cs, pero incidiu en que o seu partido mantén as "portas abertas de par a par" para o que queira sumarse á "fórmula gañadora" en Galicia.

Segundo Feijóo, en Galicia hai unha "fórmula política para gañar" que é na súa opinión o seu partido e non é necesario "inventar" nada novo. "Aquí coincidimos todos os que queremos a Galicia e queremos a España, ese é o PP", dixo.

O lapsus de Candia 
O acto arrincou coa benvida aos novos afiliados por parte dos presidentes provinciais do PPdeG. O primeiro en falar foi o líder provincial coruñés, Diego Calvo, quen destacou que os novos militantes se suman ao partido "máis importante de Galicia e España", a formación que "máis representación" ten na comunidade. 

Calvo manifestouse a favor de que Feijóo repita e mostrouse convencido de que os populares galegos volverán facer historia en 2020", do mesmo xeito que a súa compañeira de Lugo, Elena Candia, quen foi un paso máis aló no seu compromiso ao asegurar que ve ao PP na súa provincia en condición de manter o oito deputados se non comete "ningún erro". 

Candia protagonizou un lapsus que foi moi comentado entre os xornalistas ao dar por feito que as eleccións tocaban "en maio" —realmente tocarían, salvo adianto, despois do verán—, pero foi moi clara ao asegurar que os seus non só preguntan pola data dos comicios, senón que o que máis lles preocupa é que Feijóo sexa o candidato. 

"O que todos queremos é seguir crecendo"
Pola súa banda, o presidente provincial do PP en Ourense, Manuel Baltar, reivindicou o perfil máis "centrista" e "galeguista" do PPdeG co "espello da Xunta e de Alberto Núñez Feijóo".

Foi o líder dos populares pontevedreses, Alfonso Rueda, quen puxo en bandexa a Feijóo a posibilidade de deixar aos seus a mensaxe de que a súa decisión responderá ao que "quere" o partido. "Presidente, fai o que queiras, sempre que fagas o que todos queremos. E o que todos queremos é seguir crecendo", dixo o tamén vicepresidente da Xunta, entre aplausos. 

Comentarios