Feijóo e Rueda negan un "xiro da dereita" con Casado

O presidente e vicepresidente da Xunta chaman á unidade tras o congreso do seu partido

Alberto Núñez Feijóo. BRAIS LORENZO (EFE)
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. BRAIS LORENZO (EFE)

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, negou este luns que a chegada de Pablo Casado á Presidencia do PP supoña unha derechización do partido, así como "a morte do marianismo", porque "a maioría do 'marianismo' apoiou" ao candidato que finalmente gañou o congreso. 

Así o asegurou nunha entrevista en Onda Cero, recollida por Europa Press, na que encomiou ao novo presidente do seu partido, sen desvelar, iso si, por quen votou tanto na primeira como na segunda volta das primarias.

"Temos un bo líder que foi votado contra o que estaba previsto inicialmente, e que sabe escoitar, e que sabe moi ben que necesita a todo o partido para seguir camiñando", asegurou.

"Sería un erro enterrar unha etapa de enorme éxito social e económico"

Segundo Feijóo, "sería un erro para calquera novo presidente do partido enterrar" unha etapa política que tivo "un enorme éxito social e económico" e, neste sentido, negou tanto que se estea producindo "un xiro á dereita" como "a morte do marianismo".

"Logo de falar con Pablo estas últimas semanas e ver quen apoiou a Pablo, dicir que o marianismo morreu, cando a maior parte do marianismo apoiou a Pablo Casado, eu non comparto o diagnóstico", salientou.

Neste sentido, Feijóo sinalou que "o que ocorreu é que houbo un congreso" no que o partido, que ten "moitas sensibilidades" e que estaba "chocado como consecuencia da moción de censura", apostou "por alguén que traslada ilusión, mocidade, un cambio xeracional, un novo ímpeto e novas ganas".

"E gañou contra outras candidaturas que eran máis sólidas, que levaban moito tempo nos liderados, e que se lles presumía un bo resultado", apostilou o presidente galego.

Rueda:  "O meu traballo vaise a centrar no que poida facer en Galicia e especialmente en Pontevedra"

Tamén se menifestou respecto diso o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen coincidiu con Feijóo ao rexeitar "unha viraxe á dereita", no congreso do pasado fin de semana ao considerar que "o PP debe ocupar un espazo moi importante no centro político".

Rueda foi cuestionado por temas do seu partido tras un acto político en Vigo, onde puntualizou que o PP "ten que seguir sendo un partido co que a xente se identificou" e que "serviu para gañar moitísimas eleccións".

"No PP hai moitísimas sensibilidades pero cuns principios que identifican a todos"

Neste sentido, sinalou que no PP hai "moitísimas sensibilidades pero cunha serie de principios que identifican a todos". Neste sentido, chamou a non "perder a perspectiva de que hai que integrar a moitísima xente".

Por outra banda, fixo alusión ao seu nomeamento como parte do Comité Executivo Nacional, polo que manifestou que é "unha satisfacción" que saíse elixida a lista na que se integrou, o que ve como "un recoñecemento pero tamén unha responsabilidade". "Gústame máis que se fose o resultado contrario", recoñeceu.

"É a primeira vez que vou formar parte do Comité Executivo Nacional, e xa que logo é un traballo engadido, pero tamén complementario. O meu traballo vaise a centrar principalmente no que poida facer en Galicia e especialmente en Pontevedra", comentou, antes de trasladar a súa ilusión e o seu agradecemento a Casado "pola confianza" depositada nel. 

Comentarios