Feijóo ve "demoledor" un estado de alarma que "se carga" Nadal e Semana Santa

O presidente da Xunta considera que o Goberno está "a xerar alarma e desconfianza"
Alberto Núñez Feijóo. LAVANDEIRA JR
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. LAVANDEIRA JR

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cargou este luns contra a fórmula elixida polo Goberno que dirixe Pedro Sánchez para a xestión da pandemia e, tras insistir en que sería necesario adaptar a lei orgánica de saúde, advertiu de que o estado de alarma é "demoledor" para España. 

"Lamentámolo, pero cremos que nos estamos equivocando", sentenciou, nunha rolda de prensa que ofreceu tras a reunión da conferencia de presidentes, centrada na repartición dos fondos europeos de reconstrución. 

Tras as novas decisións adoptadas a nivel estatal, Feijóo advertiu que, ao seu xuízo e "probablemente sen pretendelo", o Goberno está "a xerar alarma e desconfianza" ao decretar o estado de alarma e suxerir que se prolongará ata maio. Todo iso, acompañado dun "toque de queda" para o conxunto do país. 

O presidente galego ve inexplicable que "hai dúas semanas" as autoridades sanitarias estatais apuntasen que España se atopaba nunha situación de "estabilidade" e este domingo se adoptasen medidas que vinculou cun "estado de excepción". Ao seu modo de ver, terán un efecto "demoledor" para a economía e a reputación internacional do país. 

"Puxemos en cuestión a Nadal e tamén a Semana Santa dando un pau durísimo a todo o sector turístico e hostaleiro", indicou o presidente, quen insistiu en que se podería xestionar "igual" e "sen tanto alarmismo" a pandemia cunha lexislación adecuada, que volveu a insistir en articular. 

"É un pau enorme ás expectativas de reconstrución da nosa economía e un pau sen precedentes ao sector hostaleiro e de servizos. É non só cargarse o consumo en Nadal, senón pechar a Semana Santa", lamentou.