Feijóo ve no sector forestal "o mellor plan de pensións" para Galicia

O presidente da Xunta apela á xestión común de parcelas e avanza unha normativa para explotar os bosques como "un seguro de ingresos" para o futuro 

Alberto Núñez Feijóo, clausurou este venres o acto de presentación do Consello Galego de Enxeñarías. CABALAR (EFE)
photo_camera Alberto Núñez Feijóo clausurou este venres o acto de presentación do Consello Galego de Enxeñarías. CABALAR (EFE)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cualificou ao sector forestal de Galicia como o "mellor plan de pensións" para os galegos para o que avogou por "unha ordenación adecuada dos montes" e a utilización dos recursos que xera a madeira, a través dunha xestión común de parcelas particulares. 

Esta cuestión expúxoa durante a súa intervención na presentación dun informe elaborado por distintos colexios de enxeñeiros integrados no Consello Galego de Enxeñerías. O documento, cun centenar de medidas desde o ámbito da enxeñaría para o desenvolvemento de Galicia, foi presentado este venres na sede de Afundación na Coruña. 

Ao acto, asistiron representantes de colexios de enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia; Industriais; Agrónomos; de Telecomunicación; de Minas e de Montes, xunto a profesionais do ámbito da enxeñaría naval. Tamén acudiu a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

"ORDENAR" OS BOSQUES GALEGOS. Tanto na súa intervención como en posteriores declaracións aos xornalistas, Feijóo lembrou que dous terzos do territorio galego está destinado a bosques. "Hai 80.000 familias que venden madeira e ingresan 300 millóns de euros cada ano", remarcou. 

Por iso, avanzou que a proposta que fará a Xunta desde o punto de vista da organización territorial pasa por "ordenar mellor" os bosques galegos. "Convencer de agrupar as parcelas pequenas, mantendo a propiedade, e facer cooperativas ou sociedades que xestionen os bosques que produzan madeira certificada, de calidade, e cada 20 anos cobrar a porcentaxe correspondente da curta en base á superficie" de cada propietario. 

"Iso, sen dúbida, é un dos plans de pensións que aínda non está utilizado con intensidade e que os galegos temos á nosa disposición como propietarios das parcelas dos nosos avós ou pais, que agora se están abandonando", apuntou sobre os recursos que se xerarían. 

Por iso, dixo que, desde o punto de vista da organización territorial, a intención da Xunta é remitir ao Parlamento galego antes de que finalice este primeiro semestre unha normativa que inclúa esta cuestión. 

Para referendar esta proposta, puxo como exemplo tamén o uso que os países nórdicos fan dos seus bosques. "Utilízanos como un seguro de ingresos e isto en Galicia está sen explorar e sen explotar", engadiu. 

Comentarios