A Feira do Cocido reivindica o "retorno á tradición' nas súas vodas de ouro

Rafael Cuíña, acompañado por Martiño Noriega, presentou na capital galega a programación deste evento que este domingo celebrará o seu día grande

 

Rafael Cuíña e Martiño Noriega, xunto aos seus respectivos compañeiros de goberno. CONCELLO DE SANTIAGO
photo_camera Rafael Cuíña e Martiño Noriega, xunto aos seus respectivos compañeiros de goberno. CONCELLO DE SANTIAGO

O Concello de Lalín aposta por un "retorno á tradición" nas que serán as vodas de ouro da Feira do Cocido, declarada Festa de Interese Turístico Nacional, e que este domingo cumpre 50 anos coa previsión de "abarrotar" todo o municipio.

Así o explicou o rexedor de Lalín, Rafael Cuíña que acompañado polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presentou na capital galega a programación deste evento que neste medio século conseguiu exceder o seu aspecto gastronómico e hoxe é un referente social, etnográfico, cultural e artístico.

Este domingo será o gran día da festa e contará co presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes como pregoeiro, co que o concello pretende lembrar ao que foi o primeiro pregoeiro do evento, Álvaro Cunqueiro.

"No cincuenta aniversario queriamos darlle unha volta de porca e facer un retorno á tradición", explicou Cuíña que incidiu en que ese foi o motivo tamén de elixir unha imaxe do pintor Laxeiro como cartel desta edición.

Ademais do propio domingo, Lalín celebra durante varias semanas o coñecido como "o mes do cocido" no que destacan máis dun centenar de diversas actividades como seminarios, actuacións musicais, xogos para os máis pequenos ou o xa famoso Cocido do Orgullo, e que supoñen un "motor económico" para a capital da comarca do Deza.

Neste sentido, o rexedor do municipio apuntou que a maioría dos restaurantes teñen as fins de semana "completos" ata o mes de maio para degustar este prato típico, polo que negou que vexa ao resto de festas gastronómicas como competencia, "nós temos garantías de que vai estar cheo", proclamou.

Pola súa banda, Martiño Noriega, mostrouse encantado de facer de "anfitrión" dun evento tan importante e que neste ano cumpre as súas vodas de ouro e destacou que é un "pracer" ofrecer a "función facilitadora de capital de país" para promocionar eventos deste tipo. O rexedor recibiu unha cesta completa de produtos típicos para elaborar o cocido.

Fóra do Pazo de Raxoi, na praza do Obraoiro, situouse o autobús promocional da festa, no que quen se achegou puido gozar das tapas vinculadas ao cocido, do mesmo xeito que o fixeron os dous rexedores e demais representantes da corporación compostelá.

Comentarios