Ferida unha condutora nunha colisión cun autobús en Porto do Son

Trasladada ao hospital unha persoa que sufriu lesións nun atropelo en Cuntis
Ambulancia do 061. ARQUIVO
photo_camera Ambulancia do 061. ARQUIVO

Unha condutora resultou ferida nunha colisión entre o seu vehículo e un autobús rexistrada na tarde deste luns en Porto do Son. Tras recibir axuda dos Bombeiros para saír do vehículo, foi evacuada a un centro hospitalario.

Varios particulares alertaron ao 112 do sinistro, que se rexistrou na parroquia de Xuño ao redor das tres da tarde. O autobús, que ía baleiro nese momento, cubría o traxecto entre Noia e Ribeira.

A central de urxencias pediu a colaboración dos profesionais do 061 e dos Bombeiros de Ribeira, que utilizaron unha pata de cabra para abrir a porta e facilitar a saída da ferida. Tamén foron informados o servizo de limpeza da Axencia Galega de Infraestruturas e a Garda Civil de Tráfico.

CUNTIS. Media hora despois, outra persoa sufriu feridas nun atropelo en Cuntis, ao ser alcanzada por un vehículo na N-640. O accidente ocorreu na entrada do centro urbano ao redor das tres e media da tarde.

Atendendo á información facilitada pola central do 112, a alerta do sinistro levou a informar a Policía Local e Protección Civil e a mobilizar ao 061, cuxos profesionais observaron unha "importante lesión" nun nocello do ferido. Así as cousas, foi trasladado a un centro hospitalario.