Ferido un ciclista ao ser alcanzado por un camión en Salvaterra de Miño

O condutor do vehículo de transporte de mercancías continuou a marcha
Oficinas do 112. EMERXENCIAS GALICIA
photo_camera Oficinas do 112. EMERXENCIAS GALICIA

Un ciclista necesitou atención sanitaria ao mediodía dese xoves tras ser alcanzado por un camión mentres circulada pola estrada que une as localidades de Guillarei e Rañada, no termo municipal de Salvaterra de Miño.

Segundo a información facilitada aos xestores do 112 Galicia polos equipos de urxencia que acudiron ao lugar do accidente, despois do impacto, o condutor do vehículo de transporte de mercancías continuou a marcha.

Os feitos tiveron lugar ao fío das 14:30 horas cando os efectivos de urxencias sanitarias contactaron co Centro Integrado de Atención ás Urxencias de Galicia para informar o suceso.

De inmediato, desde o 112 pasouse aviso aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local. Ademais, informouse tamén aos Bombeiros do Porriño e aos efectivos do GES-SPEIS Ponteareas por se fose necesaria a súa intervención.

Por outra banda, o 112 Galicia recibiu, dúas horas despois, alértaa de outro atropelo a un ciclista, neste caso en Ourense. De acordo co relato da persoa particular que realizou a chamada de aviso, un ciclista foi alcanzado por un turismo na N-120, á altura do punto quilométrico 574, en Canedo, e necesitaba asistencia médica.

Enseguida, o persoal do CIAE 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Ourense, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e do servizo de mantemento da vía.