Ferido un mozo tras precipitarse do tellado no que traballaba en Padrón

Foi trasladado ao Hospital Clínico de Santiago debido á gravidade das lesións

Un operario foi trasladado en helicóptero logo de precipitarse do tellado no que traballaba este luns na poboación de Escravitude, no municipio coruñés de Padrón.

Segundo informou o 112 Galicia, tivo constancia dos feitos ás 11.15 horas deste luns por un alertante que solicitou asistencia para un traballador que sufrira unha caída desde unha altura e que estaba inconsciente. Por iso, o 112 puxo os feitos en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, debido á gravidade das lesións do operario, mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Santiago, que evacuou ao ferido.

Tamén foron informados o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, o GES de Padrón, os axentes da Garda Civil e da Policía Local e Protección Civil da localidade. Segundo concretou o 061, ademais do helicóptero acudiu ao lugar unha ambulancia e persoal sanitario do centro de saúde de Valga para atender ao operario, A.C.R., de 25 anos, que foi evacuado ao Hospital Clínico en Santiago.

Comentarios