Dous feridos, un deles excarcerado, tras unha colisión entre dous coches en Pontevedra

O suceso rexistrouse este mércores pola tarde na N-550 ► As vítimas foron trasladadas ao Hospital Domínguez

Dúas persoas resultaron feridas este mércores pola tarde nunha colisión na que se viron implicados outros tantos turismos en Pontevedra. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, unha das vítimas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Pontevedra ao quedar atrapada no interior dun dos vehículos accidentados.

Os feitos sucederon na N-550, concretamente no punto quilométrico 125, ao fío das 17.55 horas. Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para alertar do sinistro.

Nada máis recibir o aviso, os xestores do 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, da Garda Civil de Tráfico, de Protección Civil e dos Bombeiros de Pontevedra.

Finalmente, as dúas persoas feridas foron trasladadas polos efectivos sanitarios ao Hospital Domínguez.