A 45ª Festa do Queixo de Arzúa, que se celebrará do 28 de febreiro ao 1 de marzo, contará por primeira vez co recinto feiral cheo, cun total de 78 expositores, dos cales 53 serán queixerías.
Así o explicou o alcalde de Arzúa, José Luís García López, este xoves durante a presentación, na que estivo acompañado do presidente da Denominación de Orixe, José Luís Carreira, a docente do EFA Piñeiral, Inma Carbia, a concelleira de cultura do municipio, Aurora Varela, o organizador do Festival do Queixo, Alberto Alfonso, e o integrante de Luar na Lubre, Bieito Romero.
Xa o podemos contar: En Arzúa, en plena Festa do Queixo, inauguraremos o 5º Paso De Vaca de Galicia, e Benedicta, galardoada co Goya á mellor actriz revelación por "O que arde" estará con nós para celebralo🎉! 😍😍 Vas a perdelo? #FestaDoQueixo #PasoDeVaca pic.twitter.com/iMs0kCHq7y
— Casa Grande Xanceda (@xanceda) February 20, 2020
O alcalde destacou que esta edición marcará un "antes e un despois" para a festa, con novidades a nivel ambiental como o uso de vasos de plástico biodegradable no festival e melloras en seguridade coa incorporación dun punto violeta.
Así mesmo, explicou que no recinto feiral non hai ningún queixo que non teña o seu correspondente rexistro sanitario nin a súa etiquetaxe e subliñou que a presenza de queixerías doutras comunidades e internacionais está "a incrementar todos os anos".
José Luís García tamén recalcou a programación infantil, que contará coa 4ª edición do festival Pequequeixo, a 2ª edición do torneo de xadrez Chess and Cheese e diversos talleres do queixo.
Ademais, este ano farán unha acción coa colaboración da Casa Grande de Xanceda que consistirá en pór un sinal e un panel cun paso de vaca para "reivindicar o rural". O alcalde recordou tamén que a pregoeira deste ano será a actriz Benedicta Sánchez.
Pola súa banda, José Luís Carreira indicou que haberá un concurso de petiscos o 28 de febreiro con 21 establecementos e avanzou que están a traballar nunha ruta do queixo, que queren chamar Os camiños do queixo, para que a xente coñeza a través do produto o patrimonio dos municipios.
O primeiro día abrirá coa actuación de El Capitán Elefante, seguida de Tequila, que será o seu último concerto en Galicia antes de despedirse dos escenarios, Novedades Carminha e o dúo catalán Ladilla Rusa.
O domingo, a sesión vermout contará coa estrea do novo disco da artista de Arzúa MJ Pérez ás 12,30 horas. O festival continuará ás 18.00 horas coa actuación de Luar na Lubre, que, como subliñou Bieito Romero, presentarán o inicio do seu novo traballo Vieiras e vieiros. Historias de Peregrinos, e pecharase co concerto de Baiuca.