Piden 20 anos de cárcere para un acusado de cometer atracos con armas de fogo en Ribeira

O fiscal acúsao de varios roubos nun supermercado e un restaurante

A Fiscalía pide 20 anos de prisión para un home, con antecedentes e condenado anteriormente pola Audiencia Provincial da Coruña, acusado de cometer varios atracos e de empregar para iso armas de fogo na zona de Ribeira. O xuízo por varios roubos con violencia, tenencia ilícita de armas e furto foi fixado para as 9.30 horas deste venres, 3 de febreiro, na Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña con sede en Santiago de Compostela.

Segundo o escrito do Ministerio Fiscal, o acusado, con antecedentes penais por delito de roubo con violencia e intimidación polo que foi condenado en 2010 a catro anos e tres meses de prisión, "actuando co propósito de obter un inmediato beneficio patrimonial cometeu" varios feitos delituosos. O fiscal desta causa considérao autor dun delito de roubo con violencia ocorrido nun supermercado na Pobra do Caramiñal en setembro de 2014; así como doutro uns días despois nun restaurante-cafetería de Ribeira.

A iso suma a Fiscalía un delito de tenencia ilícita de armas por posuír unha pistola detonadora modificada apta para o disparo, que está prohibida; e outro de furto pola subtracción ao descoido dunha tableta valorada en 600 euros que a súa propietaria depositara sobre o banco no que estaba sentada en Ribeira. Tamén lle atribúe outros dous delitos en grao de tentativa de roubo con violencia e intimidación.

Por iso, por cada un dos dous delitos de roubo con violencia e intimidación a Fiscalía solicita seis anos e seis meses de prisión; ademais doutros dous anos polo mesmo delito en grao de tentativa e outros dous polo de tenencia ilícita de armas. Así mesmo, pide a fiscal dous anos de cárcere por outro delito de roubo con violencia e intimidación en grao de tentativa; e doce meses de prisión por furto. En concepto de responsabilidade civil, a Fiscalía solicita que o acusado indemnice ao representante legal do supermercado asaltado con 634,53 euros; e a outras dúas vítimas, con 385 euros e 34,5 euros e 48,18 euros, xunto cos intereses legais.

Comentarios