A Fiscalía querélase contra dous cargos de Facenda por acoso inmobiliario e a Xunta négao

A Administración autonómica sostén que intentou chegar a un acordo amigable "en reiteradas ocasións" con ambos os inquilinos e ofreceu unha indemnización e un aluguer en condicións similares

Avenida da Habana,en Ourense. GOOGLE MAPS
photo_camera Avenida da Habana, en Ourense. GOOGLE MAPS

A Xunta negou "de forma rotunda" que se produza unha situación de acoso inmobiliario a dous inquilinos nun edificio público propiedade do Goberno galego en Ourense, despois de que a Fiscalía interpuxese unha querela contra dous cargos da Consellería de Facenda, a secretaria xeral técnica e de Patrimonio e o subdirector de Patrimonio, por este motivo. 

Segundo apunta a Consellería de Facenda sobre esta cuestión, intentou chegar a un acordo amigable "en reiteradas ocasións" con ambos os inquilinos e ofreceu unha indemnización e un aluguer en condicións similares. "De feito, a persoa que presentou unha denuncia tamén mostrou a súa disposición a negociar", asegura. 

Fiscalía afirma que estes dous cargos de Facenda, ante a situación de que o edificio "era só ocupado como arrendatarios" por dúas persoas —unha muller de avanzada idade e un home—, "entenderon que a Xunta había de recuperar a plena posesión" do mesmo a través de resortes "legais" e "medidas de presión non lexítimas". Con todo, Facenda nega esas presións e sostén que "é falso" que no edificio non haxa servizo de limpeza, pois "si que o hai, contratado e pagado pola Xunta de Galicia". 

Respecto ao estado do ascensor, explica que foi clausurado en xaneiro pola empresa responsable da inspección polas deficiencias detectadas. Indica que a súa reparación foi contratada en maio e a empresa traslada que "quedará reparado en próximos días", nunha actuación de excesiva "complexidade", posto que ten máis de medio século e "houbo que fabricar as pezas a medida porque xa non existían". 

Así mesmo, a Consellería informa de que non recibiu ningunha notificación sobre a querela da Fiscalía, aínda que mostra a súa "total disposición" a colaborar coa xustiza no que sexa preciso. 

A Xunta é propietaria deste inmoble de cinco plantas en Ourense desde o ano 2000 procedente da extinta Cámara de Propiedade Urbana. Entón, o Goberno galego se subrogó nos contratos de aluguer concertados pola Cámara coas dúas persoas que vivían no inmoble, contratos que se manteñen ata agora. A súa intención é desde 2001 rehabilitar e darlles novos usos administrativos ao edificio para reducir o gasto en alugueres. 

Comentarios