As fogueiras e as sardiñas son este ano para grupos reducidos

San Xoán preséntase fiel á súa cita pero só en parcelas privadas. Non chega a Lugo, onde non houbo peticións
Foto de arquivo dunha cacharela da noite de San Xoán. DP
photo_camera Foto de arquivo dunha cacharela da noite de San Xoán. DP

Galicia celebra esta noite unha das súas festas con máis tradición: San Xoán, que non faltará á súa cita a pesar da pandemia aínda que chega en formato reducido. As limitacións ponas cada concello, pero case todos prohiben as fogueiras en espazos públicos, polo que saltar o lume sobre a area da praia terá que esperar outros 365 días. Si se poderá espantar as meigas en parcelas e xardíns privados, aínda que o mellor desexo este ano é escorrentar o virus aplicando un termo tan arraigado na comunidade como as cacharelas: o sentidiño. 

Por primeira vez en décadas Riazor e Orzán anoitecerán baleiros — a Policía desaloxaraos ás 21.00 horas—, xa que o Concello da Coruña veta o acceso aos areais. Así, o San Xoán herculino, declarado festexo de Interese Turístico Nacional, trasladarase aos barrios, onde non se poderán prender fogueiras pero si brasas para "sardiñadas, churrascadas e similares", de acordo co bando publicado pola alcaldesa Inés Rey, no que se esixe para iso unha "declaración responsable" co compromiso de manter "un aforamento limitado e seguir as recomendacións sanitarias". 

O mesmo sucede na maioría de municipios costeiros con tradición de cacharelas nas súas praias. Así, no Morrazo as celebracións limítanse a parcelas privadas e sempre con permiso previo.

Alén da ría —Vigo, Nigrán e Baiona— e en Santiago e Pontevedra ocorre outro tanto, que só haberá festas privadas, así como nas rías altas, onde Ferrol, Oleiros, Sada e Arteixo vetan tamén praias e calquera espazo público, como Carballo, outra dos berces do San Xoán galego. 

SEN FOGUEIRAS EN LUGO. Terra dentro a situación cambia. Desde os consistorios de Lugo e Ourense avanzan que permiten cacharelas privadas pero "non se presentou ningunha solicitude", polo que será o primeiro 23 de xuño en que non cheirará a sardiñas na Piringalla, Montirón ou As Gándaras, salvo que haxa lumes clandestinos.

Comentarios