A folga de funcionarios de Xustiza elevou un 28,8% os asuntos pendentes

A taxa de litixiosidade rexistrou unha subida de case nove puntos en relación a 2017

Cartel que anuncia la huelga de Justicia. XESÚS PONTE
photo_camera Cartel que anunciaba a folga de Xustiza. XESÚS PONTE

A folga de funcionarios que afectou a Galicia entre os meses de febreiro e maio provocou que queden pendentes do segundo trimestre deste ano 151.063 asuntos xudiciais, un 28,8% máis que no mesma data do pasado ano, segundo o Consello Xeral do Poder Xudicial. En concreto, resolvéronse entre o 1 de abril e o 30 de xuño 68.943 causas, fronte ás 84.991 que se finalizaron o ano pasado nas mesmas datas, o que significa un 18,9% menos.

Na provincia da Coruña quedaron pendentes 61.244 casos, en Pontevedra, 48.651, en Lugo 19.231 e en Ourense 14.736. 

O número de asuntos civís ingresados en Galicia no segundo trimestre do ano foi de 34.920, o que supón un aumento do 0,5 por cento respecto ao mesmo período do ano anterior. Nese tempo resolvéronse 24.330, quedando en trámite ao final do período 76.733, un 41,7 % máis que en 2017.

Na xurisdición penal entraron 38.567 asuntos, 268 de media por órgano xudicial, o que supón un 6 por cento menos que no segundo trimestre de 2017. O número de asuntos resoltos foi de 35.219 e o de asuntos en trámite ao final do período de 42.582, un 25,6% máis que o ano pasado.

En relación aos asuntos contencioso-administrativo ingresaron 2.651 asuntos entre os pasados 1 de abril e 30 de xuño, o que supón un 11,7% máis que no mesmo período do ano anterior. Resolvéronse 1.964 asuntos e quedaron en trámite 6542, un 24 por cento máis en que en 2017.

Pola súa banda, a xurisdición social experimentou un aumento na entrada de asuntos, xa que os 8.784 ingresados representan un 5,4 por cento máis que no segundo trimestre de 2017. O número de asuntos resoltos nesta xurisdición foi de 7.430 e quedaron en trámite ao final do período 25.206, un 5,2 por cento máis.

Tamén hai que destacar que a taxa de litixiosidade rexistrou neste período unha subida de case nove puntos en relación a 2017.

Comentarios