Fomento non baralla a gratuidade da AP-9 como alternativa á A-55

A deputada de En Marea Alexandra Fernández expresa o seu "estupor" ante "a negativa" de José Luís Ábalos a iniciar unha negociación coa concesionaria

Cabinas nunha peaxe da AP-9. DAVID FREIRE
photo_camera Cabinas nunha peaxe da AP-9. DAVID FREIRE

A deputada de En Marea Alexandra Fernández afirmou este mércores que o Ministerio de Fomento non baralla a gratuidade da peaxe dun tramo da principal autoestrada galega, a AP-9, entre Vigo e Tui, como alternativa á autovía A-55.

Nun comunicado, Fernández indica que en xuño de 2017 foi aprobada no Congreso unha proposición de En Marea, apoiada polo PSOE, sobre a necesidade de abordar a gratuidade ou a redución das peaxes neste tramo como alternativa á A-55 polos seus altos índices de sinistralidade.

Fernández trasladou estes acordos ao ministro de Fomento, José Luís Ábalos, e cominouno a iniciar os contactos coa concesionaria da autoestrada, a firma Audasa, a tal obxecto.

Na súa resposta por escrito, Fomento esgrime que "en ningún caso" a AP-9, que circunvala Vigo, pode resultar "substitutiva" da A-55, que é unha vía de penetración e acceso principal ao centro da cidade, segundo a deputada Fernández. 

A deputada de En Marea expresa o seu "estupor" ante "a negativa" de Fomento a iniciar unha negociación coa concesionaria cando o grupo socialista non só apoiou a iniciativa senón que pactou un acordo transaccional.

Lamenta a actitude "obstrucionista" de Ábalos en relación cunha "posible solución" para habilitar alternativas á A-55, unha das vías "máis perigosas do Estado", onde "os accidentes son habituais" nas curvas de Tameiga, en dirección a Vigo, debido ao seu trazado "sinuoso".

Abunda en que ningunha das obras efectuadas resolveron o problema e sinala que unha alternativa "razoable" e "apoiada socialmente", sería liberar a peaxe do tramo entre Vigo e Tui.

Sobre as obras previstas na A-55, Fomento indica que foron precisos axustes por motivos geotécnicos e por causas ligadas á aparición de novos servizos afectados.

Comentarios