Fomento non garante o Ave galego en 2019 ata auditar as obras

Ábalos confírmalle a Gonzalo Caballero e Leiceaga que revisará os prazos ante o temor a un "engano" de Rajoy. O PPdeG critica que o PSdeG "xustifique" novos atrasos

Ábalos y Caballero, este lunes en dependencias del Ministerio de Fomento. EP
photo_camera Ábalos e Caballero, este luns en dependencias do Ministerio de Fomento. EP

O Ministerio de Fomento desconfía dun posible "engano" do Goberno de Mariano Rajoy cos prazos do Ave a Galicia, polo que confirmou que auditará o estado das obras para determinar cal é "a herdanza" que deixa o PP e comprobar se a entrada da alta velocidade en probas a finais de 2019 na comunidade é ou non factible.

Así llo trasladou o novo titular do ministerio, o socialista José Luis Ábalos, ao líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, e ao portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, este luns en Madrid. Ábalos mostrou o seu "compromiso en favor de manter todos os investimentos previstos" en materia de infraestruturas para Galicia, así como de traballar "arreo" e pór "todo o esforzo" para que a Ave chegue "canto antes".

Con todo, segundo a versión relatada polo propio Gonzalo Caballero tras o encontro, "necesítase saber cal é a herdanza do PP", tras "anuncios e autobombo" pero compromisos sen cumprir. "O ministro necesita auditar a situación", xustificou o líder dos socialistas galegos. En todo caso, despexou "calquera tipo de dúbida" sobre o ritmo actual de execución das obras na montaña de Ourense, a zona que queda pendente: "O ritmo segue igual que antes do cambio de Goberno. Non existe baleiro de poder e non houbo nin medio segundo de atraso".

Tamén desconfía do cronograma do PP Xoaquín Fernández Leiceaga, que deu por feito que o tramo que conecta Taboadela con Ourense "non será posible" que estea listo en 2019 de ningún xeito.

Con todo, desde o PPdeG non tardaron en saír ao paso ante o novo escenario que se abre con estas declaracións de Ábalos e Caballero. Así, Miguel Tellado cualificou de moi "preocupante" que se poñan en cuestión" os prazos da Ave a Galicia, aínda que o enmarca na idea do PSOE de preparar o terreo mediático para xustificar "a desatención dos compromisos adquiridos polo anterior Executivo" central.

"Xa sabiamos que deixar de ter un presidente galego non sería unha boa noticia para Galicia, pero non pensabamos que o castigo á nosa comunidade por non ter un depósito de votos para o PSOE ía arrincar axiña que", lamentou Tellado, que dirixiu as súas críticas máis duras cara ao responsable autonómico do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o seu portavoz parlamentario, Leiceaga. "é grave que rían as grazas coa súa presenza no ministerio".

No caso do político de Vigo, Tellado recordou aquela promesa de Abel Caballero en 1993 sobre o Ave. "Agora vemos que 25 anos despois de que o seu tío prometese o Ave a Galicia, Gonzalo Caballero estivo en Madrid para xustificar novos atrasos", lamentou o popular, que ve "unha falta de respecto" que o Goberno reciba antes ao líder do PSdeG que á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, a pesar de pedir "unha reunión de xeito formal".

AP-9. Máis aló da nova incerteza que rodea o Ave galego, Gonzalo Caballero tamén abordou co ministro outras actuacións vitais para Galicia, como a transferencia da AP-9, na que a delegación galega viu a Ábalos "moi aberto" a abordar ese asunto. Iso si, non faltaron as críticas á prórroga da concesión a Audasa ata 2048 por parte do PP de Aznar, nin a esixencia de que Fomento vixíe máis e mellor o funcionamento das peaxes. Os socialistas galegos tamén demandaron unha solución para Rande, onde non hai normalidade seis meses logo de inaugurar a ampliación dos carriis.

AXENDA EN BRUXELAS. Gonzalo Caballero iniciou este luns a axenda que o levará estes días a reunirse con algúns dos altos cargos da UE. Empezou en Madrid co comisario de Agricultura, o irlandés Phil Hogan, e a última hora trasladouse á capital comunitaria.

Comentarios