miércoles. 02.12.2020 |
El tiempo
miércoles. 02.12.2020
El tiempo

Fomento promete en Vigo que retomará a Ave por Cerdedo e a prolongación da A-52

Ábalos e Abel Caballero. SALVADOR SAS
Ábalos e Abel Caballero. SALVADOR SAS

Sobre a peaxe de Rande, Ábalos asegura que "se vai a mirar"

O ministro de Fomento, José Luís Ábalos, asegurou este mércores que o Goberno tramitará o proxecto de prolongación da A-52 desde O Porriño ata Vigo pola vía dos Orzamentos Xerais do Estado, xa que o plan de investimentos en estradas do Executivo de Mariano Rajoy "ten máis nome que realidade".

Tras reunirse co alcalde de Vigo, Abel Caballero, Ábalos indicou que do citado plan de investimentos en estradas "non hai contido nin desenvolvemento" do mesmo, e engadiu que "a única forma de acometer" a obra de ampliación da A-52 ata Vigo é mediante os PGE,

Para ese efecto, sinalou que no seu departamento comezarán os estudos de trazado e todos os trámites previos á redacción do proxecto dunha obra que para o Goberno, recalcou, é "moi importante".

VARIANTE DE CERDEDO. Con respecto ao Ave, Ábalos recordou que, cos tramos que se porán en servizo proximamente, a viaxe entre Vigo e Madrid poderá facerse en 3 horas e 20 minutos no ano 2020 por Santiago. Así mesmo, en relación coa variante de Cerdedo, constatou que "hai que retomar o que estaba abandonado". 

"O problema é que, como se demorou tanto, atopamos esixencias normativas de carácter ambiental que antes non había", sinalou, e indicou que Fomento xa conta cun estudo informativo "que haberá que actualizar", pero debe encargar os novos informes ambientais, como paso previo á redacción do proxecto.

PEAXE DE RANDE-REDONDELA. Con respecto á peaxe da AP-9 en Rande-Redondela, cuxa supresión fora anunciada polo seu predecesor, Íñigo de la Serna (PP), José Luís Ábalos apuntou que é unha cuestión "que excede a Vigo" e que "ten que ver coa Xunta tamén". 

No entanto, indicou que Fomento se dirixiu "en dúas ocasións" á concesionaria da autoestrada, Audasa, "para abordar o tema". "É un compromiso doutro momento, pero o imos a mirar, estamos a miralo e estamos pendentes de que a concesionaria nos conteste", aseverou.

Caballero: "Felicidade absoluta"
Pola súa banda, o rexedor de Vigo, Abel Caballero, trasladou a súa "felicidade absoluta" e a "satisfacción" da cidade, tras a reunión co ministro de Fomento. Así, celebrou que, tras cinco anos "esperando a que os temas de Vigo se desbloqueasen", agora "desbloquéanse todos".

Caballero proclamou que a cidade, unha das máis importantes do noroeste de España, "requiría un tratamento distinto ao que lle estaba dando o goberno de Rajoy"."Acabáronse os vetos e o abandono da cidade", proclamou.

Fomento promete en Vigo que retomará a Ave por Cerdedo e a...
comentarios