Os forenses afirman que a brida foi a arma homicida no crime de Diana Quer

Un dos expertos explicou no xuízo que o pescozo é unha zona traumatizada polo efecto dun amarre

Os tres forenses que participaron no levantamento do cadáver da moza madrileña Diana Quer explicaron na oitava sesión da vista oral que o que lles parece máis "razoable, con moito", a tenor das lesións detectadas, é que a brida foi a arma homicida empregada para a asfixia e que esta non foi accidental.

Fernando Serrulla, Einés Monteagudo e Alberto Fernández –quen deu todos os detalles en sala, un relato apoiado por un vídeo que puideron visionar tanto as partes como o xurado– descartan ese homicidio involuntario porque unha persoa tarda entre 20 e 30 segundos en perder a consciencia, xusto o tempo que o procesado dixo que apertara.

Pero "para morrer necesita varios minutos de compresión, mínimo cinco" e aparte "é moi complexo, moi difícil, romper accidentalmente un hioides (un óso moi flexible que Diana tiña roto). Para romper hai que exercer unha presión nesa zona", de diante a atrás nun caso como este, pola súa mocidade, pois apenas contaba con 18 anos.

Do mesmo xeito que ocorre con esta teoría, tamén rexeitaron que Diana Quer fora atropelada, a primeira versión que deu o único procesado, José Enrique Abuín Gey, o Chicle, antes de contar que a afogou ao suxeitala do pescuezo cos seus dedos e sen darse conta da forza que estaba a exercer.

"Non hai lesión nas pernas", remarcou o forense Alberto Fernández ao rexeitar o mencionado atropoello cun vehículo, e precisou que en cambio o pescozo si é unha zona traumatizada polo efecto dun amarre.

Estes tres profesionais corroboraron que en todo momento foi respectada a cadea de custodia desa cinta. A defensa, en cambio, pon en cuestión a súa chegada ao laboratorio e defende que o Chicle non a empregou para a sofocación.

E, como demostrar que o Chicle violou a Diana, máis aló dos indicios periféricos (foi localizada espida e coas pernas extrañamente abertas), é para as acusacións algo fundamental, porque diso pode depender que a condena sexa a da prisión permanente revisable, respecto diso afirmaron que as posibilidades de atopar ADN "eran ínfimas" e sería un "milagre".

De todas as maneiras, fixeron especial fincapé en aclarar que "se achamos algo, temos que pensar en algo; e non achalo, non exclúe nada".

Comentaron que hai mulleres que en caso desas agresións optan pola loita activa e outras permanecen quedas e engadiron que "un gran racho" si o viron, "pero normalmente non se producen", si entre adultos e menores, pero non entre adultos, pois "entre adultos só hai rachos sutís se os hai, incluso sendo unha vítima viva".

E con Diana, ao estar 496 días nun medio acuático, un silo cilíndrico de 1,14 de ancho e dez metros de profundidade, os "rachos pequeniños non se detectaron".

"Coa excepción dos efectos da saponificación (a graxa corporal convértese nun composto similar ao xabón), fixemos a autopsia xenital. Extráese en bloque e vaise diseccionando por planos para estudar todos os músculos, rachos, infiltrados ou calquera cousa que nos invite a pensar nunha lesión. Non o achamos. Non achamos restos xenéticos, o que non significa nada", subliñaron.

A defensa trata de desmontar os indicios periféricos e xoga a baza da inexistencia de vestixios biolóxicos que acrediten este abuso.

Corroboran a versión da entomóloga
Os forenses corroboraron ademais na súa exposición a tese da entomóloga que testificou neste xuízo, pois as pupas de mosca achadas co seu ciclo vital completado demostran, e así se desprende do seu exame, que as áreas nas que se desenvolveron tiveron que estar polo menos vinte días en superficie.

Por iso puido haber un primeiro lastre, que se soltase e que o Chicle regresase días máis tarde á antiga fábrica para comprobar; ou ben que metese a Diana no buraco da nave de Asados sen contrapesado e fixese o mesmo despois.

"Se o chega a lastrar o primeiro día, non aparecesen as moscas", aseguraron, e apostilaron que finalmente os adobes que lastraron o cadáver de Diana "eran tremendos, lastrarían tres corpos".