A fórmula para recuperar Meirás divide aos grupos parlamentarios

En Marea e o BNG rexistraron unha iniciativa conxunta, pero os nacionalistas desvincúlanse agora dela

Foto de archivo do Pazo de Meirás. AEP
photo_camera Pazo de Meirás. EP

A incorporación do Pazo de Meirás ao patrimonio público contou esta semana cun novo argumento a cargo da comisión de expertos designada pola Consellería de Cultura a petición do Parlamento de Galicia, que propón unha demanda civil —acción reivindicatoria— baseada no uso institucional do inmoble. Con todo, e aínda que o obxectivo é compartido por todos os grupos políticos, móstranse divididos pola vía que se debe iniciar para o mesmo fin e, de feito, xa actuaron pola súa conta na presentación de iniciativas na Cámara.

O informe de expertos presentouse o pasado luns e nel acredítase que as Torres de Meirás usáronse como inmoble institucional. Así, finalmente lográronse as probas para demostrar a "posesión continuada" e eses usos durante máis de 30 anos, o que permite ditaminar "usucapión", é dicir, que polo seu uso pasa a formar parte do Estado. 

Aínda que houbo unanimidade en que a demanda civil é a vía para recuperar Meirás, nas conclusións inclúese que, unha vez que haxa sentenza firme, habería que proceder a unha liquidación que, eventualmente, podería supor unha indemnización para os herdeiros do pazo como actuais posuidores, se se acreditan gastos de mantemento neste tempo. 

Neste punto atópase o principal aspecto de discordia e, de feito, o Concello de Sada presentou un voto particular en contra desta conclusión, xa que rexeita que se poida pagar aos actuais propietarios do pazo por este ben.

INICIATIVAS NA CÁMARA. Neste escenario, os grupos parlamentarios xa actúan por separado. O PPdeG asumiu o informe e presentou unha proposición non de lei urxente, co fin de que poida debaterse xa na próxima sesión plenaria da Cámara autonómica e na que piden que a Administración Xeral do Estado presente a demanda aos herdeiros do Franco. 

Inicialmente, o tres grupos da oposición tamén ideaban unha iniciativa conxunta como resposta, pero finalmente non houbo acordo en facer bloque fronte á iniciativa do PPdeG e, de feito, o PSdeG anunciou unha emenda e fixo votos por non entrar en disputas políticas que leven a unha falta de acordo entre as formacións parlamentarias. 

O principal punto de discordia reside na eventual indemnización aos heredeiros de Francisco Franco tras unha posible demanda civil

Con todo, chegouse a anunciar unha convocatoria conxunta de En Marea e BNG, por parte da formación rupturista, na que finalmente só compareceu o viceportavoz da primeira das formacións, Antón Sánchez, quen indicou que o Bloque se desligara la mesma. Fontes nacionalistas aseguraron que, ao non sumarse os socialistas á proposta, entenderon que non se sostiña presentar unha iniciativa conxunta desas dúas formacións unicamente. 

O BNG, pola súa banda, reivindica o informe impulsado pola Deputación da Coruña —que tamén foi membro da comisión de expertos (e non presentou voto particular)— e, singularmente, promovido pola súa vicepresidenta, a nacionalista Goretti Sanmartín, e dá por suficientemente válidos os argumentos que nel se recollen. No entanto, no seu momento Patrimonio Nacional (aínda baixo mandato de Mariano Rajoy) non os tivo en conta para impulsar algunha acción contra o Franco. 

A pesar destas actuacións discrepantes, o obxectivo é compartido por todas as formacións. Así, o portavoz do Grupo do PPdeG, Pedro Puy, manifestou este xoves en declaracións aos medios que o informe do comité de expertos está argumentado xuridicamente e, por isto, insta á Xunta a que se dirixa ao Estado a impulsar unha demanda civil. "É un informe moi sólido que dá pé e fundamento", sinalou. 

Pedro Puy evitou aclarar se antes da presentación da iniciativa do seu grupo, que asina o propio Alberto Núñez Feijóo, explorouse a vía do consenso. Iso si, destacou que a súa formación apoiou o informe da Deputación e que levou á Cámara unha iniciativa que derivou na constitución da comisión de expertos, da que defendeu a súa "pluralidade". 

"Quero destacar que é un tema no que temos que estar de acordo e non buscar confrontacións, porque dá a impresión de que hai grupos que parecen decepcionados", sinalou, en referencia á iniciativa impulsada polos populares, quen pediu "a mesma coherencia e lealdade que tivo o grupo municipal con respecto ás figuras de Abraham e Isaac" en Santiago de Compostela. 

Nesa liña do "consenso transversal" pronunciouse o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, cuxo partido goberna agora no Estado. Os socialistas chegaron a apostar pola iniciativa conxunta da oposición, pero finalmente optaron por presentar unha emenda á iniciativa do PP. 

INICIATIVA CONXUNTA. En Marea e BNG chegaron a introducir na Cámara ás 11.25 horas deste xoves unha iniciativa conxunta e convocouse unha comparecencia ante os medios para explicala, pero finalmente, os nacionalistas se desligaron desta proposta, que no Rexistro aparece coa firma do seu portavoz, Ana Pontón, e do deputado Luís Bará. 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que non quixo pronunciarse sobre esta cuestión concreta, si dixo que os nacionalistas levan traballando pola unidade e acusou ao PP de saírse desta liña "votando en contra" de que o Parlamento asumise o informe da deputación. "O relevante é o obxectivo final e non me vou a meter en pelexas partidistas, porque o importante é a dignidade deste país", apuntou Pontón, quen nun acto previo asegurou: "Que o BNG de ningunha maneira vai permitir que a familia Franco sexa indemnizada polos bens que foron expoliados polo franquismo". 

O vieportavoz de En Marea, Antón Sánchez, pola súa banda, destacou que a súa formación "fixo todos os esforzos para tratar de facer unha iniciativa conxunta" de todos os grupos, tamén o PPdeG, pero "por unha razón ou por outra non puido ser", lamentou. Primeiro, o PPdeG rexistrou a súa propia e, despois, o PSdeG "dixo hoxe pola mañá (por este xoves) que non era partidario". "E o BNG, cando xa a tiñamos rexistrada, decidiu que non era oportuno que presentala de forma conxunta unha vez que o PSdeG non se adhire", narrou. 

Antón Sánchez, que presentou a proposta rexistrada, incidiu en que "os colectivos demandan unha acción conxunta". Iso si, do mesmo xeito que o BNG, como así se reflicte na proposta que chegaron a rexistrar, En Marea móstrase en desacordo coa hipótese de indemnizar os gastos á familia Franco e tamén apostan por incorporar o informe feito pola Deputación da Coruña. 

Comentarios