Os Franco denuncian por calumnias o exedil do BNG Carlos Babío e Jimmy Giménez Arnau

Os parentes do ditador queréllanse contra directivos de Mediaset e a práctica totalidade dos reporteiros e colaboradores que participaron no programa La herencia de Franco

Jimmy Giménez Arnau en 'La herencia de los franco'. MEDIASET
photo_camera Jimmy Giménez Arnau en 'La herencia de los Franco'. MEDIASET

A familia Franco denunciou ante o xulgado de primeira instancia número 44 de Madrid por inxurias e calumnias a xornalistas e investigadores que formaron parte dunha reportaxe no programa En el punto de mira, emitido o 23 de xullo de 2018 baixo o título La herencia de Franco. Entre eles, o coñecido Jimmy Giménez Arnau —exmarido de Merry Martínez-Bordiú, a terceira neta do ditador— ou o exedil do BNG en Sada Carlos Babío.

Os parentes do ditador se querellan contra o representante legal de Mediaset, o director de programación da mencionada cadea, os directivos do espazo e a práctica totalidade dos reporteiros e colaboradores presentes e investigadores aos que entrevistaron. Neste último suposto entran Mariano Sánchez Soler, autor de Los Franco S.A, e Carlos Babío, que asina Meirás: un pazo, un caudillo, un expolio.

Este último, que concorrerá nas listas do BNG nos locais do próximo 26 de maio, indicou a Efe que non está en absoluto nervioso e que esta acción é un "insulto", o "colmo absoluto" e que aínda que o programa citado "non pasará aos anais da historia" polo seu rigor, o que non se pode facer é, ao seu entender, negar a maior e pretender facer ver que con esa residencia señorial situada en Sada non houbo un saqueo.

A canle expuxo sobre este audiovisual que pretendía dar a coñecer o mundo do Franco, a súa herdanza e os negocios nos que investirían o diñeiro, así como os métodos utilizados para chegar a posuír un patrimonio cun valor que ascendería a 500 millóns de euros.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, mostrou este mércores o seu apoio en declaracións á prensa a Carlos Babío e considerou que os herdeiros están "acurralados" e por iso actúan "como faría o seu avó", posto que á vía xudicial chegaron os seus netos. 

Comentarios