A fuga dun mozo de 15 anos e unha muller separada abre un conflito entre familias xitanas en Xinzo

Os patriarcas tratan de tranquilizalo desterrando a un e repudiando a outra

A lei xitana falou claro. El será desterrado de Xinzo e deberá marcharse a vivir cun familiar lonxe do municipio ourensán. Ela, quedará repudiada pola comunidade, aínda que pode seguir residindo na comarca da Limia. Así foi o castigo para os dous amantes —el, un mozo de 15 anos e ela, unha muller separada de case o dobre de idade—, destinado a establecer a paz entre as familias de ambos. 

Os protagonistas deste idilio roto fuxiron do poboado a mediados do mes pasado, segundo detallaba este luns La Región. As familias sabían que entre o rapaz e a muller había amizade, pero non que fosen namorados e moito menos que tivesen entre os seus plans escapar xuntos para emprender unha vida en común. Sexa como for, pronto se arrepentiron do seu impulso: en menos dun día, os dous regresaron a casa. E aí comezaron os problemas. 

A primeira proposta para solucionar o escándalo foi a de tratar de resolver todo facendo pasar a ambos polo altar. Pero a familia do menor opúxose taxativamente. Coas faíscas caendo xa sobre a polvoreira, os patriarcas dos xitanos ourensáns tiveron que desprazarse ata Xinzo para mediar nun conflito que dividía en dous bandos os aldeáns. O seu ditame, que contou coa aceptación das partes, foi o exilio dun e o repudio da outra. 

ENFRONTAMENTO. Con todo, as secuelas da fuxida perduran e a semana pasada rexistrouse un novo enfrontamento na zona vella de Xinzo, aínda que non houbo feridos. Así as cousas, os patriarcas xitanos permanecen vixiantes sobre o devir dos acontecementos. Tamén a Garda Civil, a fin de evitar calquera estalido de violencia. 

Non é este o único asunto baixo a atención das autoridades. Que un dos implicados sexa menor de idade engade gravidade ao problema e impón un coidado especial. Por iso, a área de servizos sociais do Concello de Xinzo mantense ao tanto da situación do adolescente a fin de comprobar que non se atopa retido contra a súa vontade e que se garanten dereitos como a escolarización obrigatoria. Pola contra, seríalle retirada a tutela aos pais. En declaracións a La Región, fontes familiares insistían en cambio en que o mozo está perfectamente atendido polos seus achegados e que non sofre ningún risco. En calquera caso, o romance coa súa veciña parece estar destinado á imposibilidade.