Funerarias de Lugo piden regular a manipulación de cadáveres de falecidos por covid

Aprefu defende que "a existencia dun criterio único e común beneficiaría dunha forma evidente aos usuarios dos nosos centros"
Un coche fúnebre. XESÚS PONTE
photo_camera Un coche fúnebre. XESÚS Ponche

A Asociación Provincial de Empresas de Servizos Funerarios de Lugo (APREFU) pídelle á Xunta de Galicia que regule o protocolo para o tratamento e manipulación dos cadáveres de persoas falecidas a causa do Covid-19.

O seu presidente, Jorge Balado, explica que "desde que foi levantado o estado de alarma, desapareceron as restricións que existían á hora de tratar un corpo sen vida con coronavirus", polo que lle pide á administración que elabore unha "normativa que lles dea certidumbre a familiares e empresarios".

"Da mesma forma que durante os dous meses nos que se prolongou o estado de alarma todos os empresarios do sector sabiamos cal era o protocolo a seguir, o certo é que no momento actual existen diversas interpretacións con respecto ás posibilidades de manipulación dun cadáver", engadiu.

Na mesma liña, dixo que "o papel da Xunta de Galicia é tamén dotar de maior certidumbre á actividade que desenvolvemos", neste caso mediante a "elaboración dunha normativa específica que terminaría cos criterios dispares que se dan na actualidade".

"Aínda que sabemos que son tempos complicados e difíciles para todos os sectores, o noso ten que facer fronte a situacións familiares especialmente duras, nas que a existencia dun criterio único e común beneficiaría dunha forma evidente aos usuarios dos nosos centros", dixo Balado.

Esta medida será unha das que defenderá Jorge Balado na conferencia inaugural do I Congreso Internacional de Directivos Funerarios, que se celebra en Ourense entre os días 24 e 25 de setembro, baixo o título "Tanatopraxia e o seu exercicio en tempos de pandemia".

 

Comentarios