Os galegos terán un "cartafol" dixital para relacionarse coa administración

A lei para a dixitalización da administración galega pretende converter "en residual" o uso do papel para a xestión de trámites administrativos

Alberto Núñez Feijóo, en la rueda de prensa posterior al Consello da Xunta. LAVANDEIRA JR, EFE
photo_camera Alberto Núñez Feijóo, en la rueda de prensa posterior al Consello da Xunta. LAVANDEIRA JR, EFE

O Consello da Xunta deu luz verde ao comezo da tramitación parlamentaria da lei para a dixitalización da administración galega, coa que pretende converter "en residual" o uso do papel para a xestión de trámites administrativos a través da creación dunha plataforma "única" que estará dispoñible "as 24 horas do día os 365 días do ano". 

Así o explicou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión do seu executivo celebrada este xoves e que autorizou o inicio do camiño para que a nova lei chegue ao Parlamento de Galicia. 

O proceso de dixitalización da administración autonómica levará a cabo a través dunha normativa que inclúe a creación da figura do "funcionario habilitado", que terá a potestade para "realizar trámites telemáticos" en nome dun cidadán que así o solicite. 

Ademais, os galegos disporán dun "cartafol" nos arquivos da administración pública na que figurarán "todas as súas relacións" coa Xunta, a semellanza da historia clínica que cada paciente ten no Sergas. 

A dixitalización da administración suporá, en palabras de Feijóo, "un cambio radical na forma de entenderse entre os galegos e o corpo de funcionarios" e permitirá "a automatización dos procesos" cun sistema "máis fiable e rápido". 

A Xunta non concretou o período temporal para a implantación definitiva do sistema dixital, que "dependerá da vontade do goberno de quenda", aínda que o xefe do Executivo resaltou que "o modelo está deseñado" grazas á normativa que agora inicia os trámites parlamentarios para a súa aprobación definitiva.

Comentarios