Galicia abrirá outras 15 casas niño no rural e esixirá vacinación nelas

No caso de que a demanda de prazas supere á oferta, valoraranse as circunstancias laborais e académicas, primando aos fillos de familias monoparentais e numerosas

Alberto Núñez Feijóo. KIKO DELGADO (EFE)
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. KIKO DELGADO (EFE)

O Consello da Xunta aprobou este xoves unha nova convocatoria de axudas para abrir casas niño no rural, neste caso 15, que ofrecerán un total de 75 prazas para coidar a nenos de 0 a 3 anos en concellos onde non existan garderías --públicas ou privadas-- nin outros recursos de atención á infancia. Con esta cuarta convocatoria --foron 29 en 2016, 17 en 2017 e 15 en 2018--, Galicia pechará a década con 76 casas niño operativas, o que suma unha oferta total de 380 prazas.

A nova orde ten como destinatarios os 36 concellos galegos de menos de 5.000 habitantes que aínda non dispoñen de ningún recurso de conciliación. Para iso, a Xunta habilita unha partida de algo máis de 1 millón de euros, dos que 225.000 serán para as obras que permitan habilitar o espazo de coidado e outros 900.000 para o propio desenvolvemento da actividade.

Iso si, Alberto Núñez Feijóo avanzou tres novidades con respecto ás anteriores convocatorias. Por unha banda, e igual que ocorre nas escolas infantís da rede A Galiña Azul, todos os nenos de 0 a 3 anos que queiran acceder a unha casa niño terán que ter a súa cartilla de vacinas ao día.

Feijóo explicou que as axudas para reformar o centro serán dun máximo de 15.000 euros por cada casa niño

Doutra banda, no caso de que a demanda de prazas supere á oferta nun concello determinado, valoraranse as circunstancias laborais e académicas, primando aos fillos de familias monoparentais e numerosas.

E para rematar, tamén haberá novidades na propia xestión da axuda económica que reciben os emprendedores que decidan montar unha casa niño no rural. Así, para darlles máis facilidades, incrementarase a cantidade de diñeiro que se pode anticipar, que no caso das axudas para atención educativa pasará o primeiro ano do 35% ao 100%. E nas sucesivas anualidades, subirá tamén do 35% actual ao 75%.

Na súa intervención tras o Consello, Feijóo explicou que as axudas para reformar o centro serán dun máximo de 15.000 euros por cada casa niño e a axuda para a atención educativa ascenderá aos 19.600 euros ao ano. Poderán converterse en promotoras desta figura as persoas que viven nun núcleo rural no que non exista ningún recurso para nenos de 0 a 3 anos, dispoñan dun edificio coas condicións mínimas e unha titulación vinculada á atención educativa.

Comentarios