Galicia achégase aos 6.000 infectados tras máis de 700 contaxios nun día

Un sanitario efectúa un test de coronavirus. ROB ENGELAAR (Efe)
photo_camera Un sanitario efectúa un test de coronavirus. ROB ENGELAAR (Efe)
Galicia rexistra este mércores 5.973 casos activos de coronavirus, 551 máis que un día antes, tras detectar nas últimas 24 horas 704 contaxios, 210 máis que o día anterior, nunha xornada na que a incidencia acumulada xa supera os 200 casos por cada cen mil habitantes a dúas semanas.

A presión hospitalaria segue aumentando, con 169 persoas ingresadas por covid-19, 14 máis que un día antes, segundo os datos facilitados polas autoridades de saúde pública contabilizados ás 18:00 horas do martes.

Do total de hospitalizados, 30 están en unidades de críticos, tres máis; mentres que en planta hai 139, 11 máis.

A última vez que Galicia tivo 169 hospitalizados foi o 8 de setembro, en pleno descenso da quinta onda. Naquel momento a comunidade rexistraba 4.843 casos activos -mil menos que nesta xornada- e en terapia intensiva había 49 enfermos graves de covid-19 (un 63 % máis) e 120 en planta.

A incidencia acumulada segue disparada na comunidade e alcanza os 203,9 casos por cada cen mil habitantes a dúas semanas, cerca xa da media do Estado, que chega a 208,5 casos.

A sete días, o indicador adiantado, Galicia rexistra máis casos que a media desde fai unha par de xornadas e segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade alcanza os 125,7 casos, por 118,2 de media en España.

Desde o inicio da epidemia infectáronse con coronavirus un total de 190.638 persoas en Galicia, das que se han recuperado 182.030 e faleceron 2.671, unha delas nas últimas horas.

Na última xornada, ademais, Galicia superou os tres millóns de probas PCR realizadas, ás que se suman case un millón de antígenos e 1,1 millóns doutro tipo de métodos de detección.

Por áreas sanitarias, a de Vigo detectou máis de 200 casos nas últimas 24 horas e chega aos 1.652 casos activos; mentres que a de Ourense detectou 163 casos novos e a da Coruña volve a  rexistrar un centenar de novos contaxios diarios.