Galicia cumpriu este mércores unha semana sen rexistrar ningunha vítima mortal con Covid-19, a súa mellor serie ao longo da pandemia.
Ademais, no que vai de mes só se contabilizaron tres defuncións —un octoxenario en Vigo, unha nonaxenaria en Ourense e unha septuaxenaria en Lugo—.
O dato chega nunha xornada na que o último informe da Consellería de Sanidade reflectiu unha baixada de oito casos activos na comunidade —ata 341— que se reparte por todas as áreas sanitarias fóra das da Coruña e Ferrol, onde o indicador non varía.
Tamén é destacable o descenso no número de pacientes hospitalizados: son sete, un menos que o día anterior. Hai dous na Coruña, dous en Vigo, dous en Lugo e un en Santiago.
Un único positivo diagnosticado con PCR mantén en mínimos a incidencia do virus en Galicia, con 0,33 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos sete días.