Galicia afronta o 28-A con 2.700 electores menos que en 2016 a pesar de sumalos fóra

Os residentes no exterior seguen gañando peso no censo galego e son xa o 17%, aínda que a súa participación nos comicios é moi reducida

Vaciado de votos dunha urna para iniciar o reconto. AEP
photo_camera Baleirado de votos dunha urna para iniciar o reconto. AEP

A pouco máis de mes e medio para o 28 de abril, a carreira electoral está definitivamente lanzada. A publicación —este martes— do real decreto a través do que se convocan os comicios xerais activa a maquinaria e a conta atrás para chegar a unha xornada na que están chamadas a participar 36,89 millóns de persoas, incluídos 2,69 millóns de galegos. A Oficina do Censo Electoral tamén este martes as cifras, coas que certifica que, igual que o padrón da comunidade, a lista dos seus potenciais votantes mingua. Os rexistrados agora son 2.681 menos dos que puideron participar nos anteriores comicios xerais, os de xuño de 2016, e iso a pesar de que hai unha lista galega que aínda crece. É a dos electores residentes no estranxeiro, os que compoñen a Cera, que son agora 458.180.

Tras ese dato hai 14.386 nomes máis dos contabilizados hai menos de tres anos, para prolongar un repunte que se alimenta sobre todo da incorporación de descendentes de emigrados, aínda que tamén hai novas saídas. Con todo, o aumento non basta para compensar os electores que se perden en territorio autonómico. Nunha comunidade castigada pola crise demográfica, eses quedáronse en 2,24 millóns, uns 17.000 menos que en 2016. E ao redor de 71.700 por de baixo dos rexistrados en 2008.

Lugo é a provincia que perde máis electores, 3.500, a pesar de que desde as últimas xerais incorporáronse ao seu censo exterior case 2.900

O resultado é a segunda convocatoria de xerais consecutiva na que mingua o censo galego, aínda que non nas catro provincias. Todas perden electores residentes —con diferenzas, entre os 458 que se deixa Pontevedra e os 6.400 de Lugo—, pero non todas ven reducida a lista total de electores. E é que na Coruña e Pontevedra o ascenso da Cera compensa o descenso interno, algo que non ocorre na metade oriental. Ourense perde 3.266 electores e Lugo encaixa a maior caída galega do censo, porque ten 3.525 menos que en 2016 e queda en 345.000.

Ao final, os números debuxan unha lista menguante na que segue gañando peso unha diáspora tan grande que concentra xa case un 17% de todos os electores. Ningunha outra comunidade se achega a esa taxa, porque a máis próxima é a de Asturias (12%) e o conxunto de España nin chega ao 6%. Con todo, o seu peso é moitísimo menor nas urnas. En 2016 votaron apenas 15.500 galegos do exterior, un 3,5% dos que podían. Está por ver que ocorre en abril, de novo con voto rogado.

CANDO SON MÁIS OS 'AUSENTES'. A longa lista do censo exterior galego componse de 458.180 nomes repartidos por todo o mundo, e son tantos que non só superan moi amplamente ao electorado da provincia de Lugo ou ao de Ourense, senón que tamén pasan o da Rioxa. É o resultado de que nunha terra cunha historia marcada pola emigración como poucas un censo que xa era grande foise facendo enorme. Basta con ver que no próximo abril poderían votar un 80% máis dos que puideron facelo nos xenerais do 2000. Aínda que non o fagan.

No municipio ourensán de Avión a diferenza é tal que se contan 2.794 ‘ausentes' e 1.672 residentes

O peso dos afincados no exterior nótase especialmente nos censos das provincias de Lugo —nel representa o 19%— e Ourense (27,8%). E máis aínda 14 municipios nos que superan aos residentes. Son dous de Lugo (A Fonsagrada e Navia de Suarna) e doce de Ourense. En Avión a diferenza é tal que se contan 2.794 ‘ausentes' e 1.672 residentes.

140 PAÍSES. Os electores da Cera, que poden solicitar o sufraxio desde este martes —e, ademais de por correo, poderán votar en urna en consulados e embaixadas do 24 ao 26 de abril—, repártense por un mapa de 140 países no que Arxentina afianza a súa condición de quinta provincia galega. De feito, os 163.310 electores desta convocatoria asentados no país austral son 7.000 máis dos rexistrados para as xerais de 2016. Fronte a este ascenso, destaca a redución do censo en Venezuela, que, sacudida por unha crise que elevou as saídas do país e os retornos, ten 7.700 nomes menos que en 2016. Aínda así son 31.216.

Evolución do censo nas dúas últimas eleccións xerais

  Total electores   En España   No exterior  
  2016 2019 2016 2019 2016 2019
España 36.518.951 36.893.976 34.594.939 34.799.999 1.924.012 2.093.977
Galicia 2.701.731 2.699.050 2.257.937 2.240.870 443.794 458.180
A Coruña 1.087.472 1.087.842 934.015 929.312 153.457 158.530
Lugo 348.561 345.036 284.712 278.308 63.849 66.728
Ourense 364.466 361.200 266.053 260.551 98.413 100.649
Pontevedra 901.232 904.972 773.157 772.699 128.075 132.273

Fonte: Oficina do Censo Electoral

 

Arrinca a conta atrás: ábrese o prazo para pedir o voto por correo
O primeiro dos prazos do período electoral xa está aberto, porque o voto por correo pódese solicitar desde este martes. Será posible ata o 18 abril, para que os electores poidan enviar a papeleta entre os días 8 e 24 dese mes. Coa mesma data de arranque, a marxe varía para os residentes en España que estean temporalmente no estranxeiro e para quen viva noutro país, porque teñen ata o 30 de marzo para solicitar o sufraxio por correo.

3.956
Son as mesas electorais que se instalarán en Galicia para as xerais do 28 de abril, repartidas entre 2.426 locais.

Barcelona e Madrid gañan un escano
O real decreto publicado onte actualiza a repartición dos 350 deputados do Congreso entre as circunscricións, para confirmar que, pola evolución da poboación, dúas delas elixirán un máis que en 2016. E, xa que logo, dous quedan cun menos. Gañan Madrid —chega a 37— e Barcelona (32), á conta de Asturias (7) e Valencia (15). En Galicia séguense elixindo 23.

58.093
Son os galegos que poden votar agora por primeira vez nunhas xerais por cumprir 18 anos desde as anteriores eleccións.

Comentarios