Galicia é a comunidade con máis accidentes de tráfico provocados por xabarís

Ese tipo de sinistros disparáronse un 67% na comunidade en dous anos 
Jabalíes cruzando una carretera. ARCHIVO
photo_camera Xabarís cruzando unha estrada. ARQUIVO

Os accidentes de tráfico provocados por xabarís disparáronse un 47% en España nos últimos dous anos, segundo se desprende do IV Informe do Centro de Estudos Ponlle Freo-AXA de Seguridade Viaria sobre colisións de vehículos contra animais. Galicia é a comunidade con máis sinistros con xabarís —o 27% do total— e a segunda na que máis se incrementan, un 67%. Só supera ese repunte o de Asturias, cun 112%. 

As especies cinexéticas representa o 72% dos accidentes con animais, cun notable crecemento do 39% de sinistros respecto ao anterior informe. Para a realización do estudo, analizáronse 8.053 accidentes provocados por colisión con animais entre o 1 de novembro de 2017 e o 31 de outubro de 2019. 

O número de accidentes contra animais incrementouse sobre todo polo forte crecemento dos sinistros con xabarís, que protagonizan o 43% do total. O can e o corzo intercámbianse a segunda e terceira posición no ránking, debido ao crecemento de accidentes do primeiro (+14%) e ao descenso no caso do segundo (-5%). Estes tres animais representan o 83% do total de sinistros rexistrados polo Centro de Estudos Ponlle Freo AXA. 

Castela e León (22%) e Galicia (20%) son as comunidades autónomas nas que se rexistra un maior número de accidentes con animais implicados. Cataluña (12%) ocupa a terceira posición, seguida de Andalucía (8%), Castela-A Mancha e Aragón (ambas cun 6% do total). 

Por provincias, Burgos segue sendo a que rexistra un maior número de accidentes contra animais, debido principalmente ao forte impacto do corzo. E séguena as catro provincias galegas, por esta orde: Ourense, A Coruña, Lugo e Pontevedra. 

Para Josep Alfonso, director xeral do Centro de Estudos Ponlle Freo-AXA, "o forte aumento das colisións contra xabarís débese seguramente ao incremento da poboación deste tipo de animais e, posiblemente tamén, á saída destes a "zonas urbanizadas en busca de comida".

Xabarís, corzos e cans
En Castela e León o corzo é o animal causante de máis da metade dos sinistros (55%) con animais cinexéticos. En Galicia, con todo, está por diante o xabaril, que ocasiona oito de cada dez accidentes. O seu impacto concéntrase nos meses de inverno e especialmente en decembro. 

Cans
Chama a atención, por singular, o caso de Murcia, a comunidade con máis accidentes con cans, o 88% dos relacionados con animais. Pontevedra, pola súa banda, é a segunda provincia con máis accidentes con cans e a primeira con cabalos.

De sábado a luns e de noite
A estatística di que o domingo é o día máis perigoso da semana, porque concentra o 16% dos accidentes con animais, seguido do luns (15%) e do sábado (14,8%). A maioría dos sinistros concéntrase durante a noite ou en horas con escasa luz.

Comentarios