Galicia confirma o seu xiro á esquerda

As investiduras do sábado cambiaron o panorama dos sete grandes concellos galegos. A vitoria foi a dos pactos dos grupos de esquerdas, encabezados polas mareas: en Santiago de Compostela, Martiño Noriega; na Coruña, Xulio Ferreiro e Jorge Suárez en Ferrol. O PP só gobernará nunha das urbes, Ourense, e o único que poderá facelo con maioría absoluta será Abel Caballero en Vigo
Xulio Ferreiro sostiene el bastón de mando tras ser proclamado alcalde
photo_camera Xulio Ferreiro sostiene el bastón de mando tras ser proclamado alcalde

Necesitáronse tres semanas para fraguar os pactos post electorais, que configuraron o sábado un novo mapa político nas urbes galegas. As mareas cidadás, cuns resultados moi favorables nas eleccións, alcanzaron o poder en Santiago de Compostela, A Coruña e Ferrol. As demais cidades deron continuidade aos seus gobernantes, con algúns cambios significativos (como a marcha de Orozco en Lugo), froito das presións dos grupos cidadáns.

Martiño Noriega, cabeza de lista de Compostela Aberta, obtivo o apoio do BNG para o seu nomeamento. A candidatura cidadá obtivo 10 concelleiros, un máis que o PP; mentres que o BNG conseguiu 2. O grupo socialista abstívose, con 4 concelleiros. O novo alcalde de Compostela declarouse "galego, internacionalista e republicano".

Na Coruña o novo primeiro edil é Xulio Ferreiro. O cabeza de lista de Marea Atlántica logrou o apoio de PSOE e de BNG, tras un empate a concelleiros co PP. A cidade herculina viviu unha auténtica festa na que o novo alcalde fixo unha entrega simbólica do bastón de mando aos cidadáns que acudiron a vitorealo.

Ferrol en Común tamén pasa ao mando na cidade. Jorge Suárez contou co apoio do PSdeG e BNG (que non entrará no equipo de goberno). A única concelleira de Ciudadanos votouse a si mesma. José Manuel Rey, cabeza de lista do PP, pasará á oposición.

En Pontevedra o BNG seguirá no poder, pero a un concelleiro da maioría absoluta. Lores só logrou as abstencións de PP, PSdeG e Ciudadanos. Marea Pontevedra en cambio, crítica coa figura do que suma o seu quinto mandato en Pontevedra, empregou os seus dous votos para apoiar ao seu candidato, Luís Rei.

Abel Caballero reafirmouse como líder máis votado nas eleccións do 24M. A súa maioría absoluta non necesitou de pactos, apoios ou abstencións. Vigo sumará outros catro anos máis de PSdeG, cumprindo a súa terceira lexislatura no poder, pero por primeira vez en solitario.

Lugo terá goberno socialista, pero se se vai Orozco. A presión de Lugonovo foi clave, pois anunciaron que só apoiarían ao PSdeG se se marchaba o socialista. Lara Méndez estréase como primeira alcaldesa da cidade co apoio do BNG e de Lugonovo.

Ourense continuará cun novo mandato do PP, a lista máis votada. Xesús Vázquez só recibiu o apoio dos seus concelleiros, fronte aos demais grupos que decidiron apoiar ao seu propio candidato ao ser incapaces de chegar a un pacto pola cidade das Burgas.

Comentarios