Galicia detecta outros 343 positivos e os casos activos soben en máis de 100

Até a data faleceron na comunidade 831 persoas con Covid-19

A Comunidade galega detectou outros 343 positivos por Covid-19 confirmados por PCR nas últimas 24 horas, o que supón un lixeiro descenso nos novos contaxios con respecto aos 417 contabilizados a xornada anterior. Mentres, os casos activos en Galicia aumentan en máis dun centenar até os 5.215. 

Así se desprende dos datos actualizados na web da Consellería de Sanidade na mañá deste martes con rexistros recollidos até as 18,00 horas do luns, nos que se reflicte que a área sanitaria de Santiago e Barbanza suma outros 87 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas; 66 a de Ourense; 62 a da Coruña e Cee; 48 a de Vigo; 31 a de Pontevedra e O Salnés; 25 a de Ferrol e 24 a de Lugo. 

En canto aos casos activos, aumentaron en todas as áreas sanitarias, salvo na de Ourense, na que descenderon en 37 até os 1.479 segundo os datos actualizados este martes. 

Por contra, soben en 51 os casos activos na de Santiago e Barbanza até os 813; en 40 na de Vigo, que se sitúa con 831; 24 na da Coruña, que conta con 876; 16 na de Ferrol, que rexistra 238; 14 na de Lugo, até os 497; e seis na de Pontevedra, que ten 481.

FALECIDOS. Até a data faleceron en Galicia 831 persoas con Covid-19, o últimas nove vítimas foron notificadas na tarde do luns, cinco delas usuarios de residencias de maiores. 

En concreto, a Consellería de Sanidade notificou a morte dun home de 62 anos que se atopaba ingresado no CHUO procedente da residencia Os Gozos de Pereiro de Aguiar, así como dunha muller de 84 anos e un home de 68 ingresados no CHUS. 

Tamén morreu un home de 80 anos que estaba internado no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e unha muller de 73 anos ingresada en Pontevedra. 

A maiores, rexistráronse catro falecementos en residencias de anciáns: dúas mulleres de 94 e 95 anos dos Gozos en Pereiro de Aguiar; unha muller de 93 anos en Val de Monterrei (Ourense) e un home de 95 anos na residencia DomusVi Oleiros (A Coruña). 

Con este nove mortes de pacientes con Covid, a cifra total desde o comezo da 'nova normalidade' ascende a 212 en Galicia. A primeira vítima deste período foi a dunha muller o 7 de agosto. Previamente, a Comunidade galega encadeara case dous meses -desde o 10 de xuño- sen falecementos relacionados co coronavirus. 

Até a data curáronse en Galicia 23.812 pacientes, o que supón 234 máis que a xornada anterior, e realizáronse na Comunidade galega 596.335 PCR, fronte ás 592.162 contabilizadas até este luns. 

Comentarios