Galicia entrega as bandeiras azuis que a acreditan como destino de calidade

Durante o acto de entrega destas distincións celebrado na Coruña, Alberto Núñez Feijóo recordou ademais que unha de cada cinco praias con bandeira azul en España é galega

Alberto Núñez Feijóo. CABALAR (EFE)
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. CABALAR (EFE)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este mércores que as 124 bandeiras azuis que este ano lucirán en 109 praias e 15 portos deportivos galegos fan da Comunidade un destino de costa de calidade e sostible. Durante o acto de entrega destas distincións celebrado na Coruña, recordou ademais que unha de cada cinco praias con bandeira azul en España é galega.

E é que Galicia é a segunda comunidade autónoma con máis bandeiras azuis de España, por detrás de Valencia; 109 areais, repartidos entre 34 concellos nun total de 1.659 quilómetros de costa, contan con esta distinción. Ademais das praias, tamén se premiaron con bandeira azul 15 portos deportivos, 17 centros azuis e 23 carreiros, entre eles o carreiro atlántico que une O Parrote co Portiño na Coruña, con 12 quilómetros de traxecto.

En canto ao concello máis premiado, repite Sanxenxo con 15 bandeiras azuis repartidas en areais de todo o municipio ao que o propio Feijóo cualificou como "imbatible".

O titular do Goberno galego destacou a importante información que recibe un visitante que acode a unha praia con bandeira azul, tanto no referente á calidade e accesibilidade como á seguridade e gratuidade. Durante o seu discurso, o presidente agradeceu o traballo de todas as Consellerías que traballan en manter a calidade da auga para facer posible que os areais conten con bandeira azul.

A este respecto asegurou que desde o ano 2009 a Xunta investiu 1.000 millóns de euros na construción de 45 depuradoras, facendo especial fincapé na de Vigo que contou cun orzamento de máis de 200 millóns -financiada con máis administracións- e "é a máis grande da fachada atlántica europea".

Feijóo incidiu tamén nas máis de 350 actuacións de saneamento "que beneficiaron a máis da metade dos concellos de Galicia".

Neste sentido, o presidente da Xunta mencionou a ría do Burgo na que, asegurou, a Xunta investiu xa máis de 100 millóns de euros, o que "permite ter unha calidade da auga correcta". Adiantou, ademais, que o Goberno galego investirá outros 6 millóns de euros neste emprazamento.

Núñez Feijóo aproveitou o seu discurso para destacar que ao longo desta lexislatura o número de praias e ríos con problemas de calidade reduciuse de 32 a 11 e confiou en que a Xunta vai "no bo camiño para seguir reducindo ao redor de cero", asegurou o presidente.

O titular da Xunta fixo referencia á marca histórica que Galicia alcanzou en 2017 con 5 millóns de turistas. "Cinco millóns de turistas, no norte, sen tren de alta velocidade, en Galicia, sen turoperadores, sen ter un aeroporto central significa que a xente vén a Galicia porque quere e porque lle gusta, non porque se lles facilite vir", manifestou Feijóo.

Feijóo defendeu a aposta por un turismo de calidade fronte ao turismo "de pulseira, de colas para cear ou para pór unha toalla na praia". E tamén aludiu á importancia dos portos deportivos como "un importantísimo asunto económico" que xera riqueza. "Contar cun porto deportivo cunha bandeira azul é, sen ningunha dúbida, todo un prestixio para o Concello e tamén un reclamo turístico", concluíu o presidente.

Comentarios