Galicia inicia xuño cos casos activos de covid e os hospitalizados en descenso

Os novos contaxios mantéñense por baixo do centenar e a taxa de positividade segue nun 2%
Cribado realizado este fin de semana en Verín. BRAIS LORENZO (Efe)
photo_camera Un cribado realizado en Verín. BRAIS LORENZO (Efe)

Galicia inicia o mes de xuño cun alivio da presión hospitalaria ao baixar a 109 os pacientes con covid ingresados, 16 menos que a xornada anterior, e con tendencia descendente tamén nos casos activos, que se reducen a 2.208. Os novos contaxios mantéñense por baixo do cento, en 90. 

Atendendo aos datos actualizados este martes polo Sergas, os pacientes que están en Uci baixaron a 25, seis menos que na xornada anterior, e os que permanecen noutras unidades de hospitalización a 84, dez menos. Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en todas salvo nas de Ferrol e Santiago.

No que respecta aos casos activos, mantense a tendencia descendente por décima xornada consecutiva ao reducirse en 54, porque houbo máis novas altas (142) que novos contaxios (90), ao que se engaden dous falecementos. 

As infeccións activas baixan en cinco das sete áreas sanitarias: A Coruña (-35), Santiago (-14), Pontevedra (-8), Ourense (-6) e Vigo (-3). Mentres, soben lixeiramente nas de Ferrol (+3) e Lugo (+9). 

Así as cousas, a área de Vigo segue á cabeza con 662 casos activos, tras a que se manteñen as de Santiago, con 396, e A Coruña, con 367. En Pontevedra son 262, en Lugo 262, en Ourense 164 e Ferrol 95.

En Galicia confirmáronse en 24 horas 94 positivos por probas diagnósticas de infección activa (PDIA). Deste xeito, os contaxiados desde o inicio da pandemia ascenden a 126.915, dos que 122.313 superaron o virus e 2.419 faleceron

A comunidade galega realizou 2,25 millóns de probas de PCR desde o comezo da alerta sanitaria, 3.703 máis que as rexistradas ata a xornada anterior e unhas 200 máis que as efectuadas o día pasado. O resultado foi positivo nun 2,27%, polo que a taxa segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa como referencia para dar por controlada esta pandemia. A última vez que Galicia excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro.

Comentarios