jueves. 02.12.2021 |
El tiempo
jueves. 02.12.2021
El tiempo

Galicia levantará a urxencia sanitaria con menos de 30 hospitalizados

Pruebas para detectar el coronavirus en el Hospital Provincial de Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Pruebas para detectar el coronavirus en el Hospital Provincial de Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Galicia levantará este xoves a situación de urxencia sanitaria decretada en marzo de 2020 polo covid-19 con 29 pacientes hospitalizados por esta enfermidade e outros 392 nos seus domicilios, cifras de agosto do pasado ano.

Está previsto que a Xunta anuncie este mediodía unha nova relaxación nas restricións, principalmente nos aforamentos, que practicamente recuperarán a normalidade, con carácter xeral.

Segundo os datos do Servizo Galego de Saúde, ata as 18 horas do mércores había en Galicia 8 pacientes por covid nas unidades de críticos, o mesmo número que un día antes, e outras 21 persoas en planta, dúas menos.

Desde o inicio da pandemia contaxiáronse en Galicia 182.845 persoas, das que se curaron 179.810 e faleceron 2.648, ningunha delas nas últimas horas.

O reconto diario reduce a 421 o número de persoas que están a pasar a enfermidade, 17 menos que un día antes; tras detectar 28 novos casos nas últimas horas, cinco menos.

Galicia, en situación de nova normalidade desde hai semanas, rexistra unha incidencia acumulada a catorce días de 14,2 casos por cada cen mil habitantes, tres veces menos que a media e a menor do conxunto do país, que alcanza os 43,1 casos.

Por áreas sanitarias, nos últimos sete días houbo variacións significativas en catro delas; dous á alza -Pontevedra e Ferrol- e outras dúas á baixa -Lugo e Ourense-; mentres que o resto apenas rexistran alteracións.

Desde o xoves da pasada semana ata hoxe a área de Ferrol dobrou os seus casos activos, tras pasar de 9 a 20; mentres que a área de Pontevedra tamén subiu un 70 % o número de infectados neste tempo, ao pasar de 26 a 44.

En cambio, a área de Ourense reduciu á metade o número de enfermos por covid neste período, de 73 a 37; mentres que na de Lugo caeron un 40 %, de 60 a 37.

Galicia levantará a urxencia sanitaria con menos de 30 hospitalizados
comentarios