Galicia perde dúas bandeiras azuis e queda con 107

Sanxenxo repite como o municipio con máis distincións 

Bandera azul en un puerto. AEP
photo_camera Bandeira azul nun porto. AEP

A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) concedeu 107 bandeiras azuis en praias galegas para 2019, dúas menos que en 2018. 

En total, a Consellería de Medio Ambiente destaca que Galicia recibe 163 galardóns, para areais, portos, carreiros e aulas-centros de natureza. 

En canto ás praias, son 55 bandeiras azuis para a provincia de Pontevedra, 38 para A Coruña e 14 para Lugo, aos que se suman 12 en portos galegos (fronte aos 15 do ano pasado). 

A comunidade galega, mentres, ocupa a primeira posición no número de recoñecementos para carreiros azuis, cun total de 29, dos cales os de Praia de Abrela-Punta Socastro (Fuciño do Porco) e a Ruta Montes e Praias en Marín o reciben por primeira vez. 

A Xunta valora que Galicia mantén a súa posición na clasificación estatal con 107 bandeiras para os areais de 31 concellos, aos que se engaden 12 distintivos para portos deportivos e 15 para centros azuis. 

Os municipios aos que corresponde o maior número de bandeiras azuis para as súas praias son Boiro, Arteixo, Oleiros e A Coruña (na provincia coruñesa); Foz en Lugo e Sanxenxo en Pontevedra, seguido de Vigo, Cangas, Marín e Baiona. 

Abrela (O Vicedo), Samil (Vigo), Loira (Marín) e Panadeira (Sanxenxo) volven obter este distintivo, que non recibiran na pasada edición. 

A comunidade galega acapara case un 20% das 566 bandeiras azuis outorgadas a praias españolas, de acordo coa análise de Medio Ambiente. 

► Consulta aquí a lista de todas as praias con bandeira azul

Galicia segue segunda
A Comunidade Valenciana lidera o número de praias con bandeiras azuis (135), seguida de Galicia (107), Cataluña (97), Andalucía (79), Baleares (44) e Canarias (43).

As rexións que máis perden son Andalucía (18), Canarias (7) e Cataluña (4), mentres que a que máis gana é a Comunidade Valenciana (3).

Respecto ao número de portos, mantense practicamente estable con Cataluña á cabeza (23), Andalucía (17), Baleares (16), Comunidade Valenciana (15), Galicia (12) e Canarias (6).

Comentarios