Galicia podería entrar esta tarde en risco medio por covid

Un sanitario efectúa un test de coronavirus. ROB ENGELAAR (Efe)
photo_camera Un sanitario efectúa un test de coronavirus. ROB ENGELAAR (Efe)

A alza de contaxios e de enfermos de covid-19 en Galicia deixa á comunidade a piques de alcanzar o risco medio tras rexistrar unha subida de once puntos na incidencia acumulada a 14 días, que se sitúa en 47,8 casos por cada cen mil habitantes, a falta dunha nova actualización esta tarde por parte do Ministerio de Sanidade.

Apenas hai dez días Galicia era a única comunidade autónoma en nova normalidade, menos de 25 casos por cada cen mil habitantes a dúas semanas, e este martes Andalucía, Asturias e Estremadura, tamén a piques de alcanzar o risco medio, teñen mellores indicadores de incidencia.

Por sétimo día consecutivo Galicia rexistrou máis de cen contaxios por coronavirus nas últimas 24 horas, 122, catorce menos que un día antes, e chega a 1.367 infectados, 82 máis que o día anterior.

Segundo o Servizo Galego de Saúde, ata as 18:00 horas deste luns había na comunidade 56 enfermos de covid-19 hospitalizados, dez deles en unidades de críticos, un máis que o día anterior, e 46 en planta, dúas máis.

Desde o inicio da epidemia contaxiáronse en Galicia 184.624 persoas, das que se recuperaron 180.633 e faleceron 2.658, dúas delas nas últimas horas.

Por áreas sanitarias, a da Coruña mantense co mesmo número de infeccións activas que o día anterior (317) e é superada pola de Ourense, que chega a 322 (27 máis); mentres que a de Vigo segue crecendo e sitúa en 263 (30 máis).