Galicia e Portugal redobran a aposta conxunta polo turismo no Xacobeo

Rebelo de Sousa fará unha etapa do Camiño en agosto
Rebelo de Sousa con Feijóo. EFE
photo_camera Feijóo con Rebelo de Sousa, este xoves en Lisboa. EFE

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, abordou a oportunidade que supón o Xacobeo 2021-22 para reactivar o turismo e a economía de Galicia e Portugal co presidente da República portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa, quen fará unha etapa do Camiño no mes de agosto.  

"Aínda que xa o fixo en dúas ocasións, estamos máis que satisfeitos ante o compromiso do presidente da República e poder contar así cun peregrino especial", dixo Feijóo tras a reunión con Rebelo de Sousa.

"Os dous camiños portugueses son xa o segundo itinerario máis importante de fluxo de peregrinos e de turistas que chegan a Compostela", só superados polo francés, apuntou o presidente galego. "Estamos xa co 25% de peregrinos que fan esas dúas rutas. É o camiño con máis aumento de peregrinos no ano precovid e para Portugal é unha opción para recibir todo o turismo internacional e levalo polos camiños portugueses ata Tui e desdobrarse", insistiu Feijóo.

O encontro, agregou en declaracións aos xornalistas, permitiu tamén constatar o compromiso das autoridades lusas coa liña ferroviaria O Porto-Vigo e repasar as posibilidades que abren os fondos europeos Next Generation para relanzar o crecemento económico. Feijóo referiuse en especial aos máis de 300 proxectos incluídos na candidatura de Galicia por un importe superior aos 20.000 millóns de euros, incidindo nos que poden resultar "interesantes" para a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, como a iniciativa presentada no ámbito da automoción.

O presidente galego aproveitou tamén para felicitar ás autoridades portuguesas polos seus resultados na loita contra a pandemia e celebrou que queden atrás as restricións ao tránsito na fronteira común. "Hai máis de 70.000 persoas que a cruzan diariamente e pasámolo mal durante o peche", admitiu.

Feijóo reuniuse co primeiro ministro luso, António Costa, antes de concluír a súa visita a Lisboa.

Comentarios