Galicia suma 582 positivos de covid e baixa dos 9.000 casos activos

Vigo e A Coruña escapan ao descenso dos contaxios
Un estudante sométese a unha proba PCR. LAVANDEIRA JR. (Efe)
photo_camera Un estudante sométese a unha proba PCR. LAVANDEIRA JR. (Efe)

Os casos activos de covid-19 en Galicia reducíronse este sábado por baixo do limiar dos 9.000, a 8.978, que son 108 menos que o día anterior. Os datos publicados pola Consellería de Sanidade suman 582 novos contaxios, 561 deles a través de probas PCR en 24 horas. 

Rómpese a tendencia ascendente das últimas dúas xornadas cos descensos da maioría de área sanitarias, a excepción de Vigo e A Coruña, onde subiron lixeiramente os positivos, e Pontevedra-O Salnés, onde se manteñen. 

Os datos actualizados este sábado pola Consellería de Sanidade, con cifras ata as seis da tarde do venres, confirman que a área de Vigo continúa como principal foco de contaxio na comunidade, con 171 novas infeccións detectadas, tres máis. Pola súa banda, na área da Coruña notificáronse 110 PCR positivas (oito máis) e na de Pontevedra-O Salnés detectáronse 87, exactamente as mesmas. 

No resto de áreas sanitarias baixaron os contaxios. Así, a de Santiago notificou 69 novos positivos (-10); a de Lugo 55 (-77), a de Ferrol 35 (-5) e a de Ourense 34 (-11).

Todos estes casos xurdiron por mor da realización de 7.089 PCR en 24 horas, unhas 200 máis que o día anterior e que situaron o total desde o inicio da pandemia en 840.867 probas. Iso si, a positividade baixou considerablemente, ata o 8,6%. Isto significa que Galicia aínda supera o limiar do 5% marcado como referencia pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

CASOS ACTIVOS. En canto aos casos activos —persoas que aínda non superaron o virus—, este sábado baixaron da barreira dos 9.000, ata situarse en 8.978. De feito, só ascenderon na área sanitaria de Vigo, con 2.388 pacientes (+8) e na de Pontevedra-O Salnés, con 1.242 (+7). 

A segunda zona con máis casos activos é A Coruña-Cee, con 1.854 (15 menos que hai un día); seguida de Lugo-Monforte-A Mariña, con 1.139 (-55); Santiago-Barbanza, con 1.005 (-3); Ourense-Verín-O Barco, con 689 (-31); e Ferrol, con 661 (-19). 

Os contaxios rexistrados desde o inicio da pandemia en Galicia sitúanse en 48.695. Curáronse 38.587 pacientes, 677 nas últimas 24 horas, e faleceron 1.132. Sanidade comunicou as 13 últimas mortes na tarde do venres.

Comentarios