Galicia suma máis de 2.000 contaxios, a maior cifra desde hai tres semanas

Un sanitario efectúa un test de coronavirus. ROB ENGELAAR (Efe)
photo_camera Un sanitario efectúa un test de coronavirus. ROB ENGELAAR (Efe)

Galicia notificou este xoves 18.561 casos activos de coronavirus, 1.099 máis que o día anterior, nunha xornada na que volveron a subir os contaxios diarios, que superaron os dous mil (2.027), unha cifra que non se alcanzaba desde hai semanas.

Deste xeito continúa un leve repunte nos últimos días, tras varias xornadas de mínimos descensos que deixaron a sexta onda nunha situación de val.

Segue caendo, de todos os xeitos, a ocupación nos hospitais e segundo o Servizo Galego de Saúde ata as 18 horas de onte había 379 persoas ingresadas por coronavirus, 18 menos que o día anterior.

Destas persoas, 28 están nas unidades de críticos, dous menos; e outras 351 atópanse en planta, 16 menos que un día antes.

Desde o inicio da pandemia contaxiáronse en Galicia 513.650 persoas, das que se curaron 492.002 e faleceron 3.141, tres destas mortes comunicadas nas últimas horas.