Galicia suma nun día outros 120 casos activos de coronavirus, que custou xa 472 vidas

Ata o momento realizáronse na comunidade 74.419 probas PCR
Hospital de Monforte. TOÑO PARGA (AEP)
photo_camera Hospital de Monforte. TOÑO PARGA (AEP)

O número de casos activos de coronavirus en Galicia elevouse este martes en 120, co que se sitúan en 6.416 --un 1,9% máis--, e sumáronse 40 novas altas de pacientes, que agora son 1.588. Así se desprende dos datos actualizados este martes pola Dirección Xeral de Saúde Pública, que contabilizan 464 mortes, ás que se suman outras oito rexistradas nas horas seguintes que elevaron a cifra de falecidos a 472. 

O balance diario mostra que, do total de pacientes positivos, 101 permanecen na Uci, 603 en unidades de hospitalización e 5.712 en seguimento domiciliario. Ata o momento en Galicia realizáronse 74.419 probas PCR.

Dos 6.416 casos activos, 1.417 corresponden á área sanitaria da Coruña, 1.293 á de Ourense, 1.162 á de Vigo, 1.063 á de Santiago, 610 á de Lugo, 515 á de Pontevedra e 356 á de Ferrol.

Os últimos seis falecidos, en todos os casos con diagnóstico de coronavirus, corresponden a un home de 84 anos que estaba no Chuf de Ferrol, tres máis de 92, 84 e 80 ingresados no Chus de Santiago, un home de 91 ingresado en Monforte e outro de 72 en Povisa, en Vigo.

As residencias galegas suman sete novas altas, pero soben a 860 os usuarios contaxiados

RESIDENCIAS. En canto aos centros de maiores da comunidade, suman sete novas altas pero soben nun día de 843 a 860 os usuarios contaxiados, atendendo ao balance da Consellería de Política Social. Con datos actualizados a última hora do luns, o total de infectados por coronavirus nas residencias ascende a 1.187, dos que 860 son usuarios e 327 traballadores.

Os datos sitúan como os centros máis afectados a DomusVi de Cangas, con 89 usuarios con coronavirus; Nuestra Señora de la Esperanza de Ourense, con 72, e a DomusVi Barreiro de Vigo, con 70. Tamén contan con importantes grupos de anciáns positivos a residencia DomusVi San Lázaro (67), Nuestra Señora de Fátima do Barco de Valdeorras (57), Santa Teresa Jornet da Coruña (55), Remanso Claudina-Somoza da Coruña (51) e Divino Mestre de Ourense (41).

Comentarios