A nova data do Goberno para a chegada do Ave a Galicia: 2021

 Ábalos di que nunca comprometeu telo antes e Feijóo critica o "malabarismo de datas"
 
Ábalos y Feijóo se saludan en A Coruña. CABALAR
photo_camera Ábalos e Feijóo saúdanse na Coruña. CABALAR

Consumado co cambio de ano o enésimo incumprimento do calendario da alta velocidade galega, o Goberno central ofreceu este venres unha nova data: o ano 2021. Fíxoo o ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, nun acto na Coruña, un anuncio máis oficioso que oficial e sobre o que nin sequera ofreceu garantías plenas. Foi, en realidade, unha declaración de intencións de que o Ave chegue en 2021 e fixou 2022 como o "prazo" límite que teñen para cumprilo.

O novo cronograma, no entanto, non satisfai á Xunta, que lamenta o continuo baile de datas desta obra. "O noso obxectivo é seguir mantendo o 2021 e espero que se nos anime a cumprir e non se estean anticipando visións que parece que algúns están a desexar que non cumpramos mentres outros estamos a desexar facelo", argumentou Ábalos.

O uso do verbo manter é precisamente o que indignou ao Executivo galego, que recorda que tanto Pedro Sánchez como o propio ministro asumiran no seu día o calendario do gabinete de Rajoy e o ministro Íñigo de la Serna: o Ave en probas a finais de 2019. De feito, Alberto Núñez Feijóo, que coincidiu no acto da Coruña con Ábalos, criticou os "incomprensibles malabarismos" coas datas sobre a chegada do Ave a Galicia e instou o ministro a reunirse con el en Galicia.

"A expresión xeneralizada do Ave galego só reflicte a súa natureza e significado; en realidade é o Ave español e europeo", reflexionou o presidente galego, que confía  "en que ambas as dúas ideas sexan compartidas polas nosas administracións", en alusión á Xunta e o Goberno central. "Como presidente non desistirei no empeño de que así sexa", recalcou no referido ao cumprimento de datas da alta velocidade.

Comentarios