Gonzalo Caballero anuncia a súa "próxima" entrada no Parlamento como deputado

Se chegada ao Hórreo implica a renuncia dalgún dos catro representantes socialistas por Pontevedra

Gonzalo Caballero. G.G.
photo_camera Gonzalo Caballero. G.G.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, anunciou este domingo que entrará "proximamente" no Parlamento galego como deputado.

Nunha entrevista en Faro de Vigo, Caballero explica que cando accedeu ao seu actual cargo optou por non acceder ao Parlamento autonómico "para demostrar que un chega á política coa vida resolta" porque "iso outorga máis credibilidade".

"Hai un novo escenario. Cando a organización considere que debo ocupar unha responsabilidade institucional fareino para propiciar un cambio que Feijóo sabe que se producirá. O PP non está en condicións de reeditar maiorías en Galicia", continuou.

Sen concretar o momento exacto no que accederá ao Parlamento, para o que sería necesario a renuncia dalgún dos catro deputados por Pontevedra, pois el foi no quinto posto na lista, o responsable dos socialistas galegos asegura que a decisión está tomada.

"Teño a decisión de asumir responsabilidades institucionais no Parlamento proximamente. Non hai data pechada", engadiu.

Na actualidade, os deputados do PSdeG por Pontevedra no Parlamento galego son Abel Losada, Patricia Vilán, Julio Torrado e María Pierres, que foron nesa orde nas listas de 2016. 

Comentarios