A gripe deixa dúas mortes en Galicia ao comezo da epidemia

Ningún dos falecidos foran vacinados

Unha muller recibe a vacina da gripe. ARQUIVO
photo_camera Unha muller recibe a vacina da gripe. ARQUIVO

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) informou este venres das dúas primeiras mortes rexistradas en Galicia por mor da gripe no que vai de campaña, coincidindo co comezo da onda epidémica do virus a nivel estatal, mentres que en Cantabria foron catro os decesos e 19 no País Vasco.

De acordo cos datos recollidos polo informe sobre a actividade gripal que o Sergas elabora todas as semanas, a difusión deste virus aínda segue sendo local e de intensidade baixa, aínda que apuntan a que a tendencia é crecente.

Así pois, contabilizáronse xa os dous primeiros falecementos da campaña, comezada o pasado mes de outubro, coa morte de dous pacientes, ambos sen vacinar, un deles a causa directa do virus e outro por complicacións derivadas do.

EPIDEMIA. As chamadas contabilizadas polo servizo de urxencias 061 por gripe e infeccións respiratorias agudas tamén dan conta do comezo desta onda epidémica, xa que se incrementaron substancialmente os afectados nos últimos días.

De igual forma, nos hospitais galegos rexistráronse desde o inicio da campaña ata esta semana un total de 152 ingresos por mor deste virus, dos cales 69 xa foron dados de alta.

De todas estas persoas, 17 requiriron de coidados intensivos e, a pesar de que 136 tiñan a vacúa antigripal indicada, un total de 86 non a recibiu.

A expansión da gripe en Galicia comeza este ano de forma máis tardía que nas campañas inmediatamente anteriores, xa que os picos de difusión do virus producíronse en 2016, 2017 e 2018 un par de semanas antes, durante as últimas semanas do mes de decembro.