Ferida tras precipitarse o coche no que circulaba á vía do tren en Redondela

Os servizos de urxencias rescataron á muller a través da porta do maleteiro do vehículo
Imaxe dunha ambulancia. ADP
photo_camera Imaxe dunha ambulancia. ADP

Unha muller resultou ferida este xoves pola mañá despois de que o coche no que viaxaba se precipitase ás vías do tren na parroquia de Cesantes, no municipio de Redondela. Segundo informou o 112 Galicia, o turismo finalizou apoiado sobre as catro rodas na liña férrea e os servizos de urxencia desprazados rescataron a condutora a través da porta do maleteiro do vehículo. Unha vez fóra do turismo accidentado, foi atendida polos servizos sanitarios. 

Foi unha persoa particular quen alertou do sinistro ao 112 Galicia, sobre as 7.35 horas deste xoves. Os xestores do CIAE pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Policía Local, á Garda Civil de Tráfico, ao Servizo de Urxencias e Extinción de Incendios de Redondela, aos Bombeiros do Morrazo e de Vigo e a Protección Civil. 

Ao lugar o 061 enviou unha ambulancia de soporte vital básico e un equipo sanitario do Punto de Atención Continuada da zona para atender á persoa accidentada. Pola súa banda, as forzas da orde procederon a xestionar a retirada do vehículo das vías. 

Fontes da Garda Civil precisaron que os feitos tiveron lugar cando esta muller, de 42 anos, que circulaba no seu vehículo, sufriu unha saída de vía no punto quilométrico 140,100 da N-550. Así, precipitouse na vía férrea e cortou a mesma. Aínda que a condutora non presentaba feridas de gravidade, foi necesaria a intervención dos bombeiros para proceder á súa excarceración. 

Así mesmo, fontes de Renfe detallaron a Europa Press que a vía permanece interceptada desde as 7.50 horas entre Redondela e Arcade, en Soutomaior, aínda que o tráfico non foi suspendido. Esta situación levou que os trens que discorren por ese tramo acumulen atrasos de entre 10 e 15 minutos. 

Comentarios