Hermida formaliza a súa renuncia ao escano ante a Mesa do Parlamento

En Marea prevé que asuma o posto Julia Torregrosa

Xoán Hermida. RAFA FARIÑA
photo_camera Xoán Hermida. RAFA FARIÑA

O excoordinador de Marea Pontevedra, Xoán Hermida, efectuou este mércores a súa renuncia ao escano ante a Mesa do Parlamento, ás 11 da mañá, segundo informou o portavoz de En Marea, Luís Villares.

Na rolda de prensa posterior á xunta de portavoces, Villares explicou que, "polo tanto, a Mesa xa comezou a tramitación desa renuncia ante a xunta electoral e previsiblemente a xunta electoral reunirase o venres pola mañá ou como moi tarde o luns".

Dese xeito, previu que a xunta "xa proclamará nova deputada electa, á compañeira Julia Torregrosa". "E a partir dese momento, se se produce esa reunión o venres, a propia deputada poderá vir o venres facer xa os trámites no Parlamento", agregou.

"En calquera dos dous casos", afirmou que si estaría en disposición de incluír na orde do día, se así fora, do pleno do martes que vén o seu "xuramento ou promesa como deputada de En Marea".

Preguntado sobre se espera que esta decisión acougue os ánimos no seo da formación rupturista, indicou que "a recuperación da normalidade parlamentaria", neste caso a través da "asunción das novas responsabilidades por parte da nova deputada" contribúe "a crear un ambiente de normalidade de traballo que é o desexable para poder ocuparse dos intereses da cidadanía".

PRAZO DA CONSULTA. Cuestionado a continuación sobre cando se activará a consulta á militancia polo futuro da deputada Paula Quinteiro, a raíz do incidente no que se viu envolvida coa Policía de Santiago, sinalou que "iso será a organización a que o anuncie no seu momento".

"A última vez que dei un prazo estivéronme cruxindo unha semana, así que me remito á organización e o que a organización teña que dicir", respondeu, interrogado sobre que prazos manexa o líder de En Marea.

O Consello das Mareas aprobou o pasado sábado activar a consulta á militancia, mentres que Hermida anunciou o pasado luns que dicía renunciar de forma definitiva ao escano -dixera que o recollía de forma provisional a semana anterior-, despois de que se iniciase este proceso interno.

Comentarios