A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou oito anos e medio de cárcere a un home por abusar sexualmente dunha sobriña política en Monforte de Lemos.
O tribunal considerouno autor dun delito de abuso sexual mediante acceso carnal a menor de trece anos e, ademais da pena de prisión, impúxolle cinco anos de liberdade vixiada, o abono dunha indemnización á vítima de 30.000 euros e a prohibición de comunicarse e aproximarse a ela durante trece anos.
O sospeitoso estaba acusado de abusar doutras tres sobriñas políticas, pero foi absolto porque os feitos están prescritos, tal e como indican os maxistrados na sentenza. Os xuíces, no entanto, sinalan que os "dolorosos testemuños" prestados por todas as mozas "son inequívocos e non deixan lugar a dúbidas". O tribunal, ademais, destaca que "de ningunha dos xeitos pode entenderse que se trate dunha manobra orquestrada, como pretende o acusado, que falou dunha man negra, pero sen concretar en que se podía basear esa conxura".
"Como se puxo de manifesto de xeito inequívoco na sala, a relación entre as familias era de gran proximidade e familiaridad e o único que sucedeu, como puxeron de manifesto as mozas, foi que unha delas comezou a falar do sucedido anos antes e as demais tamén comezaron os seus respectivos e similares relatos", subliñan os xuíces no fallo.
Na sentenza tamén destacan que os abusos polos que foi condenado cometeunos "desde cando a vítima tiña poucos anos, sen precisar, e ata o límite dos doce anos, todos en similares ocasións e con similares comportamentos".